Venres. 19.04.2024
El tiempo

Senda Nova repasa as historias da aldea de Candelagho

Senda Nova repasa as historias da aldea de Candelagho
senda-nova-inverno-ancestral José e Mari Carmen repasaron ao carón da lareira as historias da aldea cormelana de Candelagho Senda Nova continúa coa súa labor divulgativa a través do programa Inverno Ancestral que xa vai pola súa quinta edición. Dúas das citas tiveron lugar a semana pasada, semana na que que celebrou o día internacional das zonas húmidas (2 de febreiro). A primeira das citas foi o xoves no Espazo da Natureza de Oza que acolleu a proxección do documental "O tesouro de Corcoesto" ao que asistiron unha presa de inquedos e inquedas que puideron facer lembranza da organización social para a loita contra o proxecto mineiro, así como achegarse de novo á magnitude da explotación e ás posibles consecuencias que se puideron ter dado se o proxecto extractivo con cianuro se fixera realidade. O debate posterior volveu salientar a organización e mobilización social para acadar fortes obxectivos de carácter social, cultural e ecolóxico como a paralización de proxectos deste tipo. O venres -2 de febreiro - foi a quenda das Historias de Inverno nunha das veladas máis agardadas polo peculiar do espazo e por ser a vez primeira que, dende Senda Nova, pisa territorio pontecesán. O encontro tivo lugar nun día propio de invernía co marco incomparable da ría de Corme e Laxe. Nunha aldea sen intromisión de formigón ou uralita, que non deixou aínda lugar aos coches e que o paso do tempo dou lugar ao total despoboamento da mesma. Dende este balcón privilexiado, enriba de Corme e, a un milleiro de metros de distancia coa vila mariñeira, aséntase Candelagho. O mellor acceso á aldea é unha pista de terra que nos deixa nas portas do poboado, non permitindo o asentamento o acceso a vehículos a motor. Só o ecolóxico camiñar polos chans rochosos das corredoiras permite masticar o encanto dunhas das aldeas con máis personalidade de todas cantas visitamos. O máis parecido a estar habitado conségueo José, que visita con frecuencia diaria e agarimo morriñento, a única casa con electricidade de todo o poboado. Alí, a carón da lareira, recibiu aos asistentes acompañado de Mari Carmen. O "dúo de narrador@s" debullaron a historia recente da encantada aldea, e tamén de toda a parroquia de Corme. Un percorrido no tempo espectacular a través das lembranzas das antigas historias de inverno que se contaban en cada unha das lareiras da parroquia. Máis neste día perfecto de inverno, nesta aldea perfecta e ancestral da Costa da Morte, a compaña de Mari Lista, a presentadora da velada, foi ampliada coa presa de veciñas e veciños como Fani, Cris e tantas outas que quixeron poñer o marco perfecto a un cadro pintado con agarimo dende as pedreiras de perto do faro do Roncudo.O repaso de Jose e Mari Carmen, de Mari Carmen e Jose fíxose resumo curto para tan fermosas historias. Escola Ambiental A climatoloxía obrigou a adaptar as actividades e, a última hora, a saída prevista en Baldaio co grupo de rapaces e rapazas da Escola Ambiental coincidindo coa celebración do Día internacional das zonas húmidas, cambiou destino no Espazo da Natureza de Oza, para adiantar materia no estudo do patrimonio relixioso. Os cruceiros ( máis de 10000 en toda Galicia), foron o destino en contidos. Para que se constrúen?, que tipos hai?, cales son as súas partes?, foron algunhas das cuestión que resolvemos nunha sesión na que tamén fomentamos o debate dentro da construcción social no aspecto ecolóxico.    

Comentarios