ECO DE SOL chega a Vimianzo con exposición, conversas e vieiros pola memoria e a identidade do territorio
Volve o Concello de Vimianzo propoñer unhas xornadas culturais diferentes. Desta volta, chega "Eco de Sol", un proxecto da compañía costeira aAntena, recoñecido pola Deputación da Coruña como Proxecto Cultural Singular 2025, que achegará ao concello soneirán novas accións sobre memoria, progreso e xustiza territorial.
O programa desenvolverase entre o 7 e o 30 de novembro, e o concello de Vimianzo acollerá parte da programación de "Eco de Sol". Trátase dun programa interdisciplinar que cruza teatro, pensamento crítico, saberes tradicionais e participación cidadá para reflexionar sobre a identidade e a transformación do territorio galego.
A programación comeza o venres 7 de novembro, coa inauguración da exposición “Prestige: 20 anos”, que poderá visitarse na Casa da Cultura de Vimianzo ata fin de mes. Ese mesmo día ás 18:00 h, terá lugar unha Conversa Aberta coa participación de Virginia Barros (representante da asociación ecoloxista Mar de Fábula) e Lucía Paz, investigadora e doutoranda na Universidade da Coruña. O diálogo abordará temas como o impacto da industria, a memoria do mar e a transición enerxética desde unha perspectiva crítica e local.
A segunda actividade será o Vieiro de Etnomedicina, unha acción de campo guiada pola farmacéutica e investigadora María Moure, o luns 10 de novembro ás 17:00 h, na Escola Unitaria de Carnés. A través dun percorrido sensorial e oral, recuperarase o coñecemento tradicional sobre as plantas, os usos curativos e a sabedoría ancestral vencellada á terra.


