Senda Nova une aos comerciantes, ao concello e aos artistas para decorar as rúas de Carballo
Pintan moito en Carballo. Xa coñecimos como arrincaba a proposta "Derrubando muros con pintura", a través da cal dúas grafiteiras de renome artellaron un proxecto de formación e decoración urbana.
A que toma o relevo do Concello é Senda Nova coa súa campaña "Pintamos moito". Unha iniciativa "nace dende a preocupación da entidade polo feismo urbanístico dos cascos urbáns das nosas vilas e a falta de coidados que reciben moitos dos muros que vemos cada día".
Unindo comercio, concello e artistas locais
Así, uniron tres alicerces: ao pequeno establecemento carballés, ao Concello e aos aristas locais.
O pequeno comercio, dinamizador da vida comercial da vila, é, neste caso representado polo compromiso das tendas de decoración de Carballo Arco Iris, Pinturas Kromo, Bricocar e Ibersa que non dubidaron na aposta pola iniciativa, colaborando dende o inicio.
A concellaría de promoción económica do Concello de Carballo aposta pola idea.
E os e as artistas locais, sobre todo pintores e pintoras, responsables da arte que emerxe dende a nosa terra, do corazón de Bergantiños. Colaboran no proxecto en cada un dos catro muros cos que comeza a iniciativa. Xente como Santiago Picos, Lidia, Milagros Cotelo, O Mighelo, Cristina Castro, Isa Fernández ou Mon Lendoiro dirixen a voluntarios e voluntarias saídos da propia rúa que poñen o seu gran de area e a súa pincelada para abordar temas que teñen que ver coa posta en valor do deporte e o noso patrimonio máis próximo.