Sicixia, a primeira película que se rodará integramente na Costa da Morte
Ponse de cine a Costa da Morte para acoller, e tamén para apoiar, a rodaxe da primeira película que se filmará integramente na nosa bisbarra. O título do filme, "Sicixia", evoca a natureza salvaxe da nosa bisbarra, pois significa o fenómeno astronómico que se dá cando a posición do Sol, da Terra e da Lúa forma unha liña recta, correspondendo coa lúa nova e a lúa chea.
Nestes meses o director, Ignacio Vilar, que xa coñecemos na bisbarra polo filme Vilamor, está ultimando detalles, e xa conta cas dúas actrices protagonistas. Temos tamén aí presencia, pois serán a fisterrá Marta Lado, xunto á coruñesa Tamara Canosa, ás protagonistas.
Onte, o proxecto da produtora Vía Lactea Filmes recibía o apoio económico do Concello de Carballo, e xa vai pechando datas para comezar a rodaxe en setembro de 2014, e que a estrea sexa en maio de 2015.
A Costa da Morte, unha das protagonistas
Respecto do proceso creativo, Vilar resalta que "a Costa da Morte é a auténtica protagonista do filme, xa que inflúe directamente no desenvolvemento dos personaxes". O guión elaborouse durante un intenso mes de viaxes pola comarca, escribindo as escenas e vendo ao mesmo tempo as localizacións "entrando na esencia da Costa da Morte", segundo Vilar.
A pesca, percebeiros, berberecheiras e xente do mar están plasmados nos tres personaxes principais, nos que as mulleres teñen o peso principal, "porque a muller da Costa da Morte é unha muller especial", explica o director.
Todo se realizará na nosa bisbarra, e de aí a importancia de que toda a bisbarra se involcre no proxecto. Dende a preparación e a rodaxe, a comarca é tan protagonista como os propios personaxes, tendo Carballo tamén un papel. Será un bo xeito de promocionar turisticamente a Costa da Morte.
Novas relacionadas
- Vilamor: De New York a fin do mundo con dous premios.
- A Costa da Morte de Lois Patiño triunfa en Locarno.
- Un sitio distinto: A primeira serie de animación con D.O. Bergantiños.