Un 75 expertos analizan en Carballo como mellorar a calidade da lingua
08:05 18/07/18
O Fórum Carballo acolle hoxe e mañá un novo curso de verán da Universidade da Coruña que leva por título "Traballando na Calidade da Lingua". No evento participarán uns 75 expertos/as na materia, entre 25 que intervirán ao longo dos dous días e os arredor de 50 anotados no curso. Durante estes dous días intervirán expertos como o catedrático carballés Xosé Ramón Freixeiro Mato; o director do Instituto da Lingua Galega (ILG) Xosé Luís Regueira; as profesoras e profesores Mercedes Queixas, Bieito Silva, Xoán Costa, Valentina Formoso, Susana Devesa, Xesús Ferro Ruibal, Neal Baxter, Alba Cid, Carlos Biscaiño, Xavier Gómez Guinovart ou Xosé Manuel Sánchez Rei; e as/os lingüistas Anxos Sobriño, Xermán García Cancela, Luz Méndez, Xusto Rodríguez Río ou Nel Vidal, ademais de persoas significativas de diversos ámbitos de interese para o idioma, como poden ser o director teatral e contador Quico Cadaval, as actrices Isabel Risco e Esther Carrodeguas, os actores César Cambeiro e Luís Iglesia, a xornalista da TVG Susana Suárez Recouso e o humorista audiovisual Iván Capón (Paramo Pictures).
Durante as dúas xornadas traballarase sobre a necesidade e sentido do uso dunha lingua de calidade, a fonética e a autenticidade lingüística, o compromiso coa calidade da lingua no ensino, na pantalla ou nos escenarios, a fraseoloxía, o sexismo lingüístico, a responsabilidade dos entes públicos, as novas tecnoloxías como ferramenta para o coidado da lingua ou a calidade do idioma no humor.
O curso, que ten horario de mañá e tarde, será inaugurado hoxe ás 9:30 h polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL); Anxos Sobriño; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez; e o director do curso, Xosé Manuel Sánchez Rei. Esta actividade formativa está organizada pola Universidade da Coruña, dentro do seu programa oficial de cursos de verán, e conta coa colaboración co concello de Carballo, a Xunta de Galicia e a CTNL.
Novas relacionadas
- A música será a protagonista do curso de verán #traballandoenlingua
- O uso do galego no eido empresarial centra o debate do #traballandoenlingua
- O tecido empresarial cítase en Carballo no curso de verán #traballandoenlingua
- O #traballandoenlingua analiza en Carballo a situación do galego no ámbito socioeconómico
- A mocidade usa o verán para #traballarenlingua en Carballo
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo