venres. 16.05.2025
El tiempo

Un documental e un concerto para celebrar o Día de Rosalía en Carballo

Un documental e un concerto para celebrar o Día de Rosalía en Carballo
EusonRosalia en Carballo

Días estes importantes na cultura galega, i é que o 24 de febreiro de 1837 naceu en Santiago de Compostela a gran poeta nacional galega, Rosalía de Castro. E, desde hai uns anos, a proposta da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG), estableceuse ese día 24 de febreiro como Día de Rosalía, celebración á que desde o comezo se sumou con actividades o Concello de Carballo e que, desde 2014, tamén o estableceu formalmente, a través dun acordo plenario aprobado por unanimidade o 27 de xaneiro de 2014.

Así, para celebrar este día e para difundir a obra da autora, neste 2015 o Concello organiza dúas actividades: a estrea dun documental sobre Rosalía (o mércores 25) e un concerto de Narf baseado en textos da nosa poeta nacional (o venres 27).

Proxeccion da documental I Ante Aquel Silencio Mudo de Rosalia en Carballo

O mércores 25 de febreiro, ás 19.00 h, terá lugar na Biblioteca Rego da Balsa a estrea e proxección do documental I ante aquel silencio mudo, unha curtametraxe sobre Rosalía de Castro na que, fronte á idea máis xeral e convencional da nosa poeta nacional, se descubre agora unha Rosalía comprometida, rebelde e, como aparece no vídeo, conscientemente galega. Esta é unha produción da Asociación Socio-Pedagóxica Galega e na súa estrea participará o presidente desta entidade, Xoán Costa. A entrada é libre e de balde.

E o venres 27, ás 21.00 h, terá lugar no Pazo da Cultura o concerto Cancións da lingua viaxeira, de Fran Pérez Narf, artista de longo percorrido gañador do Premio da Música de Galicia 2013 como mellor intérprete de rock e blues, que trae a Carballo un espectáculo musical onde ten un protagonismo especial a obra de Rosalía. O prezo do concerto é de 3 €, e xa se poden reservar as entradas no Pazo da Cultura (981 704 300).

Ademais, o concello tamén difunde o vídeo gravado o ano pasado “Recitando a Rosalía desde Carballo”, e farao nas redes sociais coa etiqueta promovida para este día #EuSonRosalía.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios