Un San Xoán cheo de música para todos os gustos
Xa está aquí unha das festas do verán. A Asociación Cultural San Xoán desvelou hoxe o contido do programa das festas patronais de Carballo, que se celebrarán do 22 ao 29 deste mes de xuño e que inclúen a máis ampla oferta musical malia os “condicionantes” que, como sinalou a presidenta da comisión, María José Souto Cristóbal, supoñen o orzamento e as datas.
Pero a pesares diso o pasado venres deuse a coñecer un amplo e completo programa de actividades, que se estende a todo o mes de xuño grazas á colaboración de distintos departamentos municipais e das asociacións locais.
A presidenta da comisión cualificouno como un programa “variado e atractivo para calquera persoa”. María José Souto destacou tamén o esforzo de modernización que levou a cabo este ano a Asociación Cultural San Xoán, que ten unha nova imaxe e presenza nas redes sociais, e subliñou coma unha das novidades a introdución das sesións vermú.
A música soará todo o día, e haberá grupos de gaiteiros, bandas, conxuntos de rock e pop, música tradicional e moitas orquestras.
Das sesións vermú falou José Antonio Deus, segundo o cal vaise “mesturar unha tradición cun tipo de música normalmente nocturna e de garitos”, e que ao mesmo tempo vai contribuír a xerar “diferentes usos para novos espazos urbanos” como a rúa Valle-Inclán, onde van actuar The Gentlemen e Killer Cats. Outro espazo que cobrará vida será o entorno do Rego da Balsa, onde o vernes 27 terá lugar o Rockin’, do que falou Daniel Pérez.
Unha das actividades con máis pulo é a Festa do Bosque, que manterá o mesmo guion que en edicións anteriores e que este ano pechará coa música bravú de Os tres trebóns. Con respecto a esta festa campestre, que se celebrará o domingo 29 para pechar a semana grande de Carballo, Deus pediu que os grupos que vaian reservar espazo non collan máis do que necesitan, lembrou que ás 11.00 horas retiraranse todas as cintas e que a partir das 12.00 non se permitirá o paso de vehículos.
Xan Fernández, colaborador da comisión, falou polo miúdo das moitas novidades que inclúe este ano a revista das festas, presentada tamén hoxe, e o alcalde, Evencio Ferrero, pechou o acto felicitando á gañadora do concurso de carteis, a carballesa Laura Torrado, por un deseño que “expresa a frescura, o dinamismo e a modernidade do que quere ser o San Xoán”, dixo. Tamén expresou os seus parabéns á comisión por facer máis con menos e anunciou que este ano os establecementos colaboradores terán un distintivo para agradecer que coas súas achegas fagan posible a festa. Por último, ensalzou a figura do pregoeiro, Alfonso Mariño, médico oncólogo e primeiro carballés que formará parte da Academia de Medicina, a quen cualificou coma “unha persoa xenerosa, humilde e solidaria”.
As festas de San Xoán en Carballo teñen este ano un orzamento de 100.000 euros (ive incluído).
Programa do San Xoán de Carballo 2014
Fonte
- Nota de prensa da Asociación Cultural San Xoán.