Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Uns 150 escolares de Carballo participan no Correlingua

Uns 150 escolares de Carballo participan no Correlingua
O Correlingua é unha actividade escolar, lúdica e reivindicativa que dura un curso e na que participan miles de alumnos e alumnas que son os verdadeiros protagonistas da actividade reflexionando sobre a situación do idioma e levando as súas reflexións á banda deseñada, o vídeo ou o manifesto que será lido nas once localidades en que se celebrarán as festas finais. Este ano ten como lema “A lingua non para!”. O Correlingua iníciase no primeiro trimestre coa convocatoria dos concursos por medio dos cales o alumnado reflexiona sobre a situación do noso idioma e crea os seus propios argumentos (manifesto, vídeo, banda deseñada) para defender o seu dereito a vivir e medrar en galego. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país, sacando á rúa esta mensaxe en prol do idioma. Correlingua é unha das maiores actividades de dinamización da lingua galega, en canto a duración, extensión e persoas involucradas que se realiza no noso país. A importancia de contarmos con actividades coma o Correlingua que teñan por obxectivo a normalización da nosa lingua segue a ser unha necesidade a día de hoxe, como sinalan as tres entidades organizadoras CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega. As carreiras lúdicas de final de festa do Correlingua comezaron onte na Estrada, e pasarán a partir de hoxe pola Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Lugo, Tomiño, Mondoñedo, Ourense, Monforte de Lemos, Ferrol e Vigo. As festas finais contarán, por tanto, coa lectura do manifesto gañador, e a actuación dun dos grupos gañadores do Cantalingua, concurso de grupos de música. Este ano a festa final na Coruña será presentada pola actriz e humorista Isabel Risco. A implicación de Carballo O concello de Carballo, ademais de colaborar coa organización, tamén colabora desde o seu Servizo de Normalización Lingüística cos institutos que queren participar, facilitando o seu desprazamento á Coruña. Así, 150 rapaces e rapazas de 3º e 4º de ESO do IES Isidro Parga Pondal participan hoxe na carreira Correlingua na Coruña. Sairán de Carballo, desde o propio instituto, ás 9:30 horas. A carreira partirá ás 11.00 horas do pavillón de Riazor e rematará na Torre de Hércules, onde terá lugar a festa final á partir das 12.15 horas. Fonte

Comentarios