A Pipa: Goles, emoción, incerteza, bo xogo e entrega de principio a fin

15:42 10/10/17

Preferente
Os triunfos do Sofán e Dumbría aúpan aos homes de Iván Cancela e Diego Lobelos aos postos de cabeza na clasificación, mentres que o Xallas viu como o Castro levábase os tres puntos de xeito inesperado da Fontenla. Nas Eiroas, dous tantos de Fabián, en cinco minutos, sentenciaron o duelo entre Sofán e Boimorto, deixando o triunfo ao lado de quen máis o mereceu, sobre todo tras uns primeiros trinta minutos excelsos no xogo local. Na segunda metade, o Boimorto quixo, pero non puido, e o Sofán soubo nadar e gardar a roupa. No Conco, o Dumbría volveu mostrar a súa fortaleza, tanto na faceta defensiva como no aporte ofensivo dos seus xogadores, e non deu ningunha opción ao Outeiro de Rei, liquidando o choque nos primeiros 50 minutos. Xusto triunfo e quinta praza para os pupilos de Lobelos. Inxusta derrota do Xallas na Fontenla nun partido onde os xalleiros mereceron moito máis e viron como se lles anulaba un tanto, na primeira metade, onde primeiro houbo penalti claro a Doro e, tras deixar o árbitro continuar a xogada, marcaba Alex Blanco e o liña sinalaba fóra de xogo do propio Doro que non interviña na acción. Tralo gol visitante, o Xallas quixo, pero atopouse cunha rocosa defensa visitante que impediu o seu gol. Na próxima xornada, o Xallas renderá visita a un Ordes crecido, mentres que o Sofán visitará ao Outeiro de Rei e o Dumbría fará o propio á Estrada, para medirse ao Estudiantil.1ª Galega
Só o Soneira sumou os tres puntos en disputa nesta xornada, onde o Baio empataba no Pratas Reinoso e Fisterra e San Lorenzo perdían ampliamente. En Riveira, os pupilos de Rafa Suárez vencían e convencían ante un once local moi irregular. O Soneira mostrouse moi superior e suma tres puntos que lle colocan a un punto do liderato. Non tivo fortuna o Fisterra en Silleda, onde encaixou un inesperado 4-0, con tres goles encaixados na segunda metade, na que os verdes non estiveron nada atinados. Xa o partido púxoselles costa arriba co gol inicial dos locais e, con 2-0, fallaron o lanzamento dun penalti, que puido meterlles no partido. En contraposición, o debut de varios xuvenís, como nota positiva no conxunto fisterrán. O Baio, pese a adiantarse no marcador con gol de Norberto, viu como o Agolada, aos catro minutos da reanudación, daba a volta ao marcador, empatando a falta de quince minutos o once blanquiazul, que puido gañar a contenda, pero que tamén puido ver como se lle escapaban os tres puntos. Non ten fortuna o San Lorenzo, que nesta ocasión viu como un moi mellorado Siigüeiro aproveitábase da mocidade e inexperiencia local para vencer nas Pedreiras por 0-3, cun tanto a pouco de iniciarse a contenda e dúas máis no tramo final do encontro. Resultado moi forte para os méritos de ambos equipos. Na próxima xornada buscará o seu primeiro triunfo o San Lorenzo nas Pedreiras ante o irregular Riveira, mentres que o Soneira medirase en Vimianzo ao Silleda coa mente posta no liderato. Complicado partido en Ara Solís, onde o Fisterra recibe a un difícil Unión de Asados, viaxando á Pobra do Caramiñal o Baio, para medirse a un Pobra que é capaz do mellor e do peor.3ª Galega
O Cabana é o novo líder da Terceira Autonómica tralo seu gran triunfo no difícil terreo de xogo do Porteño, outro dos grandes candidatos á loita polo ascenso a Segunda. Os pupilos de Oscar Mingui, cun gol aos catro minutos de iniciarse a contenda, soubo sacar os tres puntos en xogo, pese aos intentos locais de conseguir, polo menos, o empate. Non cede o Ameixenda do mestre Manolín, e en Vimianzo sufriu moito para derrotar a un Castrelo que se colocaba con 2-0 no marcador ao final dos primeiros 45 minutos. Na segunda metade, os visitantes, tras un golazo de Álex, foron capaces de remontar a contenda e levarse os puntos en disputa. O derbi de Muros saldouse cun empate a cero tantos, que mantén aos locais invictos e frea a marcha dun Volantes que non quere quedar lonxe da cabeza. Pouco fútbol e moita intensidade, como adoita suceder, cun ambiente excepcional de afeccionados nas gradas. O outro encontro da xornada disputouse en Camelle, onde o once local recibía ao Laxe, invicto, ao que vencía por 2-0, con dous tantos de Barreiro, un en cada tempo, e onde o Laxe acusou, e moito, a baixa por lesión de Oscar Toja. Terceiro triunfo consecutivo do Camelle, que se coloca a un punto do liderato. Gran partido en Corcubión onde o once local remontou por dúas veces senllas vantaxes do Nantón, adiantábase no minuto 61 e vía como un gol de Pablo, en propia porta, no último minuto, situaba o empate a tres goles no marcador, que deixa aos visitanets na cuarta praza e aos locais moi lonxe dos postos de privilexio. Para rematar, non tivo problemas o Seaia para sumar un amplo triunfo ante o mozo conxunto do Outes B, pese a que se adiantou o marcador e chegou a colocar o 2-2 antes do descanso. Un gol a falta de dous minutos para retirarse os dous equipos ao vestuario, e dous máis na segunda metade, colocaron o 5-2 final para o conxunto local. Na próxima xornada, descansa o líder, Cabana, polo que os seus perseguidores intentarán arrebatarlle, polo menos momentaneamente, a súa privilexiada posición. Pero non o terán fácil, por canto o Camelle rende visita a un Castriz que quere achegarse á cabeza, e o Ameixenda recibirá en Cee ao inexperto Corcubión. Partido grande en Nantón, coa visita do Porteño, mentres que o Laxe buscará retornar á senda do triunfo ante o Seaia. Muros, en Outes, e Volantes, ante o Castrelo, parten inicialmente como favoritos ante os dous conxuntos que contan os seus choques por derrotas.- Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.

A Pipa 17/18
- X.3: Manchea de goles.
- X.2: Cargada de paixón.
- X.1: Arrincou unha Liga da Costa de sorpresas.
Fonte
- Manuel Corredoira (info@quepasanacosta.com).