A Pipa: O Laxe suma o seu primeiro punto e frea a marcha do Castriz
Primeiro punto da competición liguera do Laxe, no seu retorno á Liga da Costa, e sumouno ante os seus afeccionados e freando a impoluta marcha competitiva do Castriz, que sumaba tres triunfos noutras tantas xornadas, cun empate sen goles que premia o traballo de ambos conxuntos. Pese ao empate, o equipo de Santa Comba mantén o liderato cun punto de vantaxe sobre as súas máis inmediatos perseguidores.
Á segunda praza da clasificación se encarama un Baio que, trala derrota na segunda xornada en Verdillo, suma dous triunfos, este en o complicado terreo de xogo do Malpica, ao que superou con rotundidad por 1-4, o que lle permite, por diferenza de goles con San Lorenzo e Cerqueda, colocarse nesa posición de privilexio, ademais de ser o máximo goleador da catoría, con trece tantos en catro xornadas.
San Lorenzo e Cerqueda comparten a praza cos baieses, e ambos lograron triunfos ante rivais que lles puxeron as cousas moi complicadas de principio a fin, pois o once de Verdillo, a pesar do 4-1 final ante o Camariñas, estivo moitos minutos co marcador en contra, e cimentou a súa clara vitoria cando os visitantes baixaron a garda e tras varias accións arbitrais discutidas polos locais. Pola súa banda, o Cerqueda non o tivo fácil ante un Monte Louro que, tralo tropezo inicial de competición, mellorou enormemente en todas as facetas e non é fácil de superar.
O Corme está, xunto co líder Castriz, invicto neste inicio de tempada, pero os dous últimos empates sen goles, este no seu propio terreo dO Cairo, ante o Mazaricos, deixa escapar na táboa ao Castriz e os seus perseguidores, aínda que dous puntos de desventaja non sexan nada. No duelo ante o once dirixido por Néstor, o bo labor defensivo de ambos equipos foi suficiente para frear os ímpetus atacantes, finalizando a contenda cun 0-0 que premia o labor dos dous onces.
Quen parece entrar nunha minicrise é o Ponteceso, que se viu superado por unha sorprendente Esteirana no seu propio terreo, e o 0-2 fai que os pupilos de Lodeiro borren, dunha plumada, o tropezo da pasada semana no seu terreo de xogo, mentres que o conxunto preparado por Barca leva dúas derrotas de xeito consecutivo que lle afastan, e moito, da zona de privilexio da táboa clasificatoria.
Un bo traballo defensivo foille suficiente ao Buño para superar a domicilio a un Baíñas que, con Laxe e Coristanco, ocupa nestes momentos postos de descenso a Terceira Autonómica, e afasta aos de Vimianzo dos seus obxectivos iniciais no seu novo proxecto. O 0-1 final deixa ao Baíñas sen puntos e coloca aos homes preparados por Mauro na zona media alta da táboa clasificatoria, con seis puntos.
O sábado, sorpresa no derbi de Corcubión, onde os locais, contra todo pronóstico, infrinxiron a primeira derrota da tempada a un Unión Club Cee que as prometía moi felices, pero os locais, a base de entrega, loita e bo xogo, superaron aos home de Rafa Pais, que puideron conseguir o empate, pero ao final os puntos quedaron en casa para alegría dun Corcubión que suma o seu segundo triunfo consecutivo.
Na Ponte do Porto, o once local sumou o seu segundo éxito da tempada ante un Coristanco que é o único conxunto que conta as súas actuacións por derrotas, e nesta ocasión tampouco puido lograr o seu obxectivo ante un Porteño ben plantado sobre o terreo de xogo e que en ningún momento deixou capacidade de reacción aos verdiblancos.
Na próxima xornada, o líder, Castriz, recibirá a visita dun Baiñas que quere comezar a levantar o voo, mentres que o Baio terá un complicado desprazamento a Mazaricos, ante un once local que mostra solvencia defensiva, pero que ten problemas á hora da definición.
Os perseguidores de ambos teñen duelos dispares. Pola súa banda, o San Lorenzo visita a un crecido Buño, mintas que o Cerqueda buscará o seu cuarto triunfo no terreo do Coristanco, ante un once que necesita estrearse a competición.
O Corme intentará regresar á senda do triunfo recibindo no seu terreo a un Corcubión ao que os dous triunfos consecutivos sitúanlle a dous puntos dos cormelanes.
En Cee, os azuis recibirán a un Porteño complicado, mentres o Camariñas buscará restañar feridas no seu choque como local ante un Ponteceso que quere retornar á senda dos bos resultados tralos dous tropezos consecutivos.
Monte Louro e Esteirana intentarán seguir a súa boa traxectoria buscando os tres puntos nos seus respectivos terreos de xogo ante Laxe e Malpica, respectivamente, aínda que sen dúbida, non será tarefa fácil para ningún deles.
Boa xornada pois, propicia para mostrar algúns cambios na táboa clasificatoria e para ir clarificando, un pouco máis, cal pode ser o obxectivo dalgúns equipos para a presente campaña de Liga, pois cinco xornadas xa comeza a deixar entrever as posibilidades duns e outros, pese a que reste moita competición por diante. Pero, como di o dito, “quen dá primeiro…”
Preferente
En Preferente, xornada agridoce, con dous empates e unha derrota dos representantes costeros. O Sofán tiña un complicado desprazamento a Mugardos, pese a que o once local non comezara ben a campaña, pero víronse superados por un único tanto mugardés e regresan sen carga.
Mellor fóronlle as cousas a un Xallas que, aínda que non gañou aínda, si deixa mostras de que non vai ser fácil a ningún equipo superarlle, e o empate no terreo dun dos grandes favoritos ao ascenso, e que a campaña pasada quedouse ás portas do mesmo, o Arzúa, saldárono os homes de Iván Cancela cun máis que merecido empate a un gol.
En Vimianzo, o Soneira, que se fixo acreedor aos tres puntos, viu como na recta final do encontro o Betanzos lle empataba a dous goles, deixando a vos soneirans sen sumar o primeiro triunfo da tempada.
Na próxima xornada, tres bos encontros, pois o Xallas recibirá a visita dun sempre complicado e candidato a todo, Bertamiráns, mentres que o Sofán medirase no seu campo a un aínda invicto Laracha, nun derbi en toda regra. Pola súa banda, o Soneira renderá visita a un Arteixo situado na zona media da clasificación e que quere mirar cara arriba, pese á súa primeira derrota da competición en Monforte, ante o Lemos.
A Primeira
En Primeira, tres triunfos e un empate. Os triunfos corresponderon ao colíder, Dumbría, no difícil terreo de xogo do Villestro, mentres que Outes e Sporting Zas sumaron os seus primeiros puntos da competición ante o Puebla e Escravitude, respectivamente, en dous choques onde os xogadores de Manu Roque e Víctor Pazos foron superiores aos seus rivais e fixéronse acreedores ao éxito final. O empate sumouno o Fisterra no sempre complicado desprazamento a terras padronesas, ante o Flavia, e os xogadores preparados por Nacho Barreiro son , con Sigueiro, Dumbría e Tordoia, os únicos que permanecen invictos na competición.
Na próxima xornada, Fisterra e Dumbría recibirán no seu terreo de xogo as visitas de Unión e Piloño, respectivamente, dúas boas oportunidades para seguir a súa impoluta marcha na competición. O Outes renderá visita ao Escravitude, nun terreo de xogo complicado polas súas dimensións e condición, mentres que o Sporting Zas viaxará a Agolada, ante un conxunto do que lle separa un punto na táboa clasificatoria.
E a Terceira
Polo que respecta á Terceira Autonómica, o Muxía suma o seu segundo triunfo e reafírmase no liderato, e iso que o rival era un Nantón chamado a estar nos postos de privilexio. O outro invicto da clasificación neste inicio de tempada é o Outes B, que empatou no terreo do Seia.
No resto de partidos, triunfos locais de Lira e Ameixenda, primeiros da tempada, ante Cabana, sorprendente colista, e Castrelo, respectivamente, mentres que o Camelle remontaba en Muros, ante o Volantes, e lograba os primeiros puntos da competición.
Na terceira xornada, complicado desprazamento do Muxía a terras malpicás, ante o Seaia, mentres que o segundo clasificado, Outes B, recibirá ao Castrelo. Oportunidade de redimirse para o Nantón fronte ao Volantes e do Cabana, que recibirá ao Ameixenda, En Camelle, chega un Lira que está disposto a dar a campanada e sumar o seu segundo triunfo consecutivo.
- Manuel Corredoira, Entrenador Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, e actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas.
A Pipa de Corredoira
- X.3: Un sorprendente Castriz aúpase ao liderado na Costa.
- X.2: O Corme, con paso firme.
- X.1: Arrincou a Liga da Costa co Corme como primeiro líder.
Fonte
- Manuel Corredoira ([email protected]).