Martes. 16.04.2024
El tiempo

A Volta Ciclista á Provincia da Coruña comeza cunha etapa Ponteceso-Alto do Ézaro-Ponteceso

A Volta Ciclista á Provincia da Coruña comeza cunha etapa Ponteceso-Alto do Ézaro-Ponteceso
Presentacion da Volta Ciclista a Coruna en Valares Presentación da Volta Ciclista a Coruña en Valarés

Presentouse esta fin de semana na praia de Valarés a 17ª edición da Volta Ciclista á Provincia da Coruña. Unha cita que terá marcado acento costeiro, pois unha das etapas percorrerá boa parte da bisbarra.

A proba, que este ano será emitida por Teledeporte e poderá verse en toda España, reunirá a máis dun centenar de ciclistas de 16 equipos das categorías Élite e Sub-23 durante os días 1, 2 e 3 de xuño. Os equipos proceden de Asturias, Tenerife, Madrid, Extremadura, Cantabria, Castela-León, Galicia e Portugal.

A proba comezará o 1 de xuño en Ponteceso, cun percorrido de 150 quilómetros que pasará por A Campara, Pazos, A Bugalleira, Tella, Neaño, Cesullas, O Allo, Baio, Zas, o alto de San Roque, Santa Comba, Pino do Val, Paxareiras, O Pindo, O Ézaro (con subida ao mirador), Hospital, Dumbría, Vimianzo e regreso a Ponteceso.

O 2 de xuño a etapa da Volta partirá de Curtis, dende onde se realizará un percorrido de 133 quilómetros que pasará por Teixeiro, A Castellana, Montesalgueiro, Arceo, A Gándara (Boimorto), Arzúa, Melide, Pontepedra e Sobrado dos Monxes para volver a Curtis.

A derradeira etapa, de 125 quilómetros, disputarase o 3 de xuño sairá do porto de Cariño e pasará por Ortigueira, Espasante, Loiba, O Barqueiro, A Faladoira, San Claudio, Ponte Mera, Felgosas, Campelo, Cedeira, Pontigas e Garita da Herbeira para rematar de novo na Avenida da Constitución de Cariño.

A presentación contou coa asistencia do deputado de Deportes, José García Liñares, o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, o alcalde de Dumbría e deputado provincial, José Manuel Pequeño, o concelleiro pontecesán de Deportes, Marco Varela, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, o exciclista Ezequiel Mosquera, o director técnico da proba, Guillermo Sande, o alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, o teniente da Guardia Civil José Manuel Meléndez e o xornalista deportivo da Radio Galega Andrés Vieites, que se encargou de conducir o acto.

Fonte

Comentarios