- Prosegue a tiranía verdillesa na Liga da Costa, despois dun emocionante cara a cara co Fisterra; nas categorías superiores, seguen a manterse tódalas traxectorias.
![O Soneira segue sen fallar]()
O Soneira segue sen fallar
Empeza a meter medo a traxectoria dun San Lorenzo de Verdillo que, tras asaltar un dos templos máis protexidos da Costa, o fisterrán Ara Solis, manten o seu incontestable dominio no máis alto da Liga de Segunda. Foi unha resistencia con eficacia na definición, e tamén un golpe na moral do cadro local. Está esta SD Fisterra máis verde do que invitaban a pensar os primeiros resultados, como amosan as dúas derrotas consecutivas ante rivais directos. Iso si, en ambos casos con opcións reais de gañar. Unha sensación parecida transmite a robustez do grupo do Ponteceso, a pesares da súa xuventude. Os de Barca foron quen de sacar adiante unha cita difícil en Camariñas, ante un rival case que coetáneo. E no reverso da táboa cómpre darlle a noraboa a Cabana e Volantes de Baño, colistas da Liga e ambos cunha bagaxe de 3-3 nesta semana.
No que ás categorías superiores se refire, podería dicirse que
a Preferente Autonómica segue a ser un coitus interruptus e a Primeira está a puntito dun orgasmo, polo menos en Vimianzo, e satisfactorio e placentero en case tódolos demáis casos. Na primeira das ligas non nacionais, nin Xallas nin Dumbría perderon, pero nin merecendo gañar chegaron a facelo. E nos dous casos enfronte estaban supostos rivais directos.
Pola súa banda,
o Soneira de Primeira non se paseou, pero mantivo virxe os seus taboeiros de empates e derrotas, cun triunfo mínimo ante o Agolada. As luces e poucas sombras da xornada deixan unha lectura boísima no fondo: o noso peor clasificado está con catro puntos sobre o descenso e é undécimo.
Con só nove equipos,
a Terceira Autonómica amosa unha radical diferencia entre a tendencia do Corcubión, por exemplo, e un Lira ao que superou con facilidade a domicilio, ou mesmo un Seaia que tenta competir, pero ao que se lle fan algo longos os choques.
Chegou en fútbol base a primeira derrota do Xuvenil de Liga Galega do Dumbría, no sempre difícil campo do Conxo, aínda que non empaña nin un punto o bo arranque dos de Lobelos. Máis ledicia trouxo o Cadete, despois de apabullar ao Santa Mariña e subir ata a sexta posición.
Crónicas da semana
Conversas co Mito
Máis información
Fonte
- Guillermo Parga (guillermoparga@quepasanacosta.com).