Nova xornada para ao Fútbol da Costa (saben que teñen este perfil de Facebook para mantervos informados de todo). Esta fin de semana de 20 e 21 de setembro chega cargada de partidos, xa con todas as Ligas en liza, con 60 partidos preparados e a APP a pleno rendemento.
E comezamos o repaso pola Preferente - Senra Sport, cos nosos dous equipos xa asentados na competición tralas 3 primeiras xornadas de Liga. Dúas saídas complicadas teremos esta fin de semana. O XSC visita un campo veciño, como é o de Noia, recén ascendido pero xa con 3 vitorias nos tres primeiros partidos. Os dumbrieses poderán disfrutar dun dos premios desta tempada, que é o de xogar no García Hermanos, un dos campos míticos de Galicia para enforntarse a un Betanzos que non se está amoldando nada vén á categoría despois do seu descenso, e suma 3 derrotas.
Na 1ª Autonómica - Clínica Vértebra, toca 5 partidos en casa e só o Soneira terá que saír da zona para enfrontarse ao Lesende, un recén ascendido. Un Soneira que xa necesita unha vitoria, pois ten un só punto, igual que Esteirana e Malpica, que reciben a Cordeiro e Amio respectivamente. Polo demais, o líder, o gran Corme, recibe no Cairo ao Villestro , un dos que sempre son favoritos; o Baio no Platas Reinoso ao Silleda, e o Sofán, que tamén quere estirar este bo comezo, ao Puebla.
Xornada dominical na 2ª Autonómica - ES Bazarra. Sen grandes derbis, os Buño, Volantes, Cee e Zas queren seguir a súa xeira de vitorias, mentres que Carnota, Camariñas, Camelle, Fisterra e Montelouro queren comezar a sumar.
Boa proba para lirachos e corcubioneses na 3ª Autonómica - Clínica Xunqueira, na que o Coristanco recibe a un Muxía xa recuperado da Barca.
Xa en Xuvenís, no Sur veremos un intenso XSC-Esteirana, que servirá para medir forzas e ver quen pode seguir a estela do Dumbría, que recibe ao Castriz. Os Miúdos viaxan a Cee para seguir gañando. Polo Norte, Cabana e Coristanco son os únicos que contan partidos por vitorias. Os de Óscar Mingui visitan o Pinguel, para enfrontarse ao seu ex adestrador, Carracedo; e o Coristanco visita ao irregular Malpica en Pedra Queimada. O Corme-Baio, o Porteño-Laxe e o Zas-Camariñas perfílanse moi igualados.
Despois da mala, en canto a resultados, primeira xornada, os 3 equipos costeiros en ligas autonómicas apurarán os seus primeiros puntos. Os cadetes dumbrieses de División Honra visitan o domingo Coruxo, os xalleiros da Liga Galega reciben ao Conxo, mentres que o Conco acollerá o sábado un fermoso derbi na Liga Galega Infantil entre Dumbría e Bergantiños.
E segunda xornada na 1ª Cadete e na 1ª Infantil. En cadetes, xa sen o Corcubión, que un ano máis retirou ao seu equipo empezada a competición. De feito, o ano pasado pasara algo semellante, pero este ano o club inscribiu o equipo como as Escolas de Fútbol e evitou así a sanción.
Tamén houbo espantada na 1ª División da Liga de Veteranos, e o Muros xa non arrincou a semana pasada, polo que quedan 15 equipos por división.