Chega unha nova xornada do Fútbol da Costa (fáganse siareiros desta páxina de Facebook para seguir toda a actualidade ao segundo). E nesta penúltima fin de semana de novembro, máis de 80 partidos teremos en competición.
Comezamos a Previa pola Preferente - Senra Sport, con partidos contra equipos da zona media-alta. O XSC quere meterse dunha vez por aí arriba, e terá que superar ao 5º, un Mugardos que visita Fontenla tras gañar só 1 dos 6 últimos partidos. O Dumbría terá unha complicada saída a Dubra, que tras dúas vitorias seguidas está un punto por diante dos de Canosa e Lobelos, polo que o partido é crucial para seguir ascendendo posicións, e achegarse á Promoción, que ten a só 2 puntos.
E despois de moitas xornadas con enfrontamentos costeiros, non teremos derbi na 1ª Autonómica - Clínica Vértebra. Pero si choques importantes. O Sofán, líder, visita a un Amio na metade da táboa. O Baio non quere perder comba e non poderá perder ante un rival semellante, o Lesende. Máis abaixo o Soneira pode sacar tallada do mal comezo de campaña do filial do Bertamiráns. Directos serán os choques do Corme ante a visita do Sigüeiro, e da Esteirana en Padrón ante o Flavia. Mentres, o Malpica quere seguir ascendendo pero terá que superar a un Agolada na zona alta.
A xornada chega moi intensa na 2ª Autonómica - ES Bazarra. Por arriba, o líder San Lorenzo recibe ao Cabana, mentres os seus perseguidores, Zas e Castriz, terán complicadas saídas contra Fisterra e Baíñas.
Na 3ª Autonómica - Clínica Xunqueira, o Muxía-Coristanco xogarase en Arliña, despois de ter cambiado a orde na primeira volta. O Coristanco terá que gañar se non quere deixar escapar, máis, ao líder, un Ameixenda ao que lle toca descansar. Mentres, o Muxía aínda ten opcións de meterse na loita pola Promoción, pois esta liga de 4 voltas é moi longa. O partidazo da xornada será o Lira-Corcubión. Os lirachos rompían unha mala xeira a semana pasada e buscan a 2ª praza. Ademais, o Nantón pode sumar ante o Laxe e o Castrelo quere meterse definitivamente na pelexa sacando algo positivo de Xaviña, ante un Cerqueda que está nun dos seus mellores momentos.
Categorías Base
Despois de repasar a todos os pichichis do Fútbol Base da Costa, co duelo entre Javi e Juan de Dora como telón de fondo nos Xuvenís, a xornada na Liga Xuvenil Sur, Gr.2 - MáisDeporte ten varios partidazos. Como o Esteirana-XSC con dous equipos que chegan empatados na 3ª praza. Os Miúdos, hoxe 2º, recibe a un Cee que pode meterse de cheo na pelexa, mentres Outes e Fisterra decidirán quen é o equipo en subirse a un dos últimos trens. Mentres, polo Norte, o líder Cabana recibirá a un Ponteceso que leva mellor fútbol que resultados, pero que aínda está a tempo de colarse arriba. O Camariñas defenderá a súa segunda praza ante outro dos que poden sumarse ao grupo cabeceiro, o Zas, noutro partido clave. Porteño, Coristanco e Corme non poderán fallar ante Laxe, Malpica e Baio.
Nas Ligas Galegas, o Dumbría da División de Honra Cadete - Aluminios Dumbría non pode fallar ante un dos da zona baixa, porque unha derrota podería metelo de novo en perigo. Para o XSC toca xornada premio, coa visita do Deportivo B, mentres en Infantís pode seguir subindo posicións buscando a metade alta da táboa ante un Viveiro que chega cos mesmos puntos.
Nas Ligas Locais, teremos un interesante Cabana-Cee na 1ª Cadete e os XSC-Os Miúdos e Fisterra-Cabana na 1ª Infantil como partidos destacados.
Quente chega a xornada na 1ª División, na que o colíder, o Coristanco, aínda imbativo, visita ao Bértoa, mentres o Hosgran, despois da xornada de descanso terá unha das pedras de toque da temporada, o Soneira.. Na 2ª División, tralo choque directo da semana pasada, o que quedou máis líder, o Agualada, visita ao Dep. Carballo, menrtres o Erbecedo recibe ao Buño. Ademais, o Porteño visita Corcoesto, e o San Isidro-Razo, que completa o cuarteto de arriba, visita ao Vimianzo.