E coma sempre, comezamos o repaso á Previa por arriba, pola Preferente - Senra Sport, na que os nosos protagonizan un importantísimo derbi, que será, sen dúbida, o partido da xornada. O Dumbría, en liña ascendente, recibe a un XSC que vai camiño contrario, de xeito que se ollásemos as tendencias poríamos un 1 na quiniela, pero sabemos que nestes choques pode pasar de todo. Sorte aos dous e que o domingo nos deixen un gran espectáculo no Conco.
Ademais, volven os derbis á 1ª Autonómica - Clínica Vértebra. A Esteirana, que ademais prescindía do míster, Juan Rey, esta semana, recibe a todo un Baio mentres busca adestrador. O cadro esteirán necesita vencer para saír dos postos de descenso, mentres o Baio non quere perder a comba do líder, un Sofán que terá un choque directo no seu fortín, o Carral, ante o Agolada. Ademais, o Corme necesita gañar un partido despois de 7 sen facelo, e terá que visitar a un rival da zona baixa como o Lesende. O Soneira non se pode despistar e recibirá a visiat dun Puebla 3º na táboa. Por último, o Malpica quere seguir escapando dos postos de perigo, e continuar coa súa melloría superando a un Sigüeiro que ten a tiro na clasificación.
Continúa a loita no alto da táboa da 2ª Autonómica - ES Bazarra. O líder, o San Lorenzo, visita a un Seaia que no seu primeiro ano na categoría está facéndoo de marabilla, sendo ademais o segundo equipo menos goleado xunto ao Zas. Precisamente o Zas espera un tropezón dos de Verdillo para reducir a vantaxe de 4 puntos, pero en fronte terá a un Volantes que comezou a campaña moi forte e que só está a 6 dos zasenses. Tamén houbo movemento no banco do Ponteceso. A pesar do bo xogo do equipo, non chegaban os resultados e Marco decidía dimitir, sendo Barca, o que fora meta do equipo e actual adestrador de cadetes e das rapazas do Vila de Pondal FSF, o que toma o relevo. Barca terá que visitar ao 3ª na táboa, todo un Castriz. Ademais, o Cee-Outes prevese un choque interesante e pode ser un dos últimos vagóns do Cee. Pero a xornada tamén estará marcada polo derbi camariñán entre Porteño e Camelle, con máis necesidades para os camelláns.
Moi interesante se presenta a xornada na 3ª Autonómica - Clínica Xunqueira. O líder destacado, o Ameixenda, visitará á revelación da liga, un Castrelo que aínda ten opcións de pelexar polos 6 primeiros postos. Descansa o Coristanco, pero teremos un choque directo entre dous de arriba, como o Corcubión-Nantón tamén do sábado. O domingo, o Lira e o Cerqueda non poden fallar ante Muxía, que ollo, tamén está a tiro de meterse na pelexa, e Laxe, algo máis afundido.
Xa na Liga Xuvenil Sur, Gr.2 - MáisDeporte, o Dumbría que superar ao 2º, Os Miúdos, nunha boa pedra de toque para pulsar a teórica superioridade dos dumbrieses. Ademais, XSC e Esteirana, que seguen pelexando polas 3 primeiras prazas, terán partidos importantes, ante Outes e Cee, coa necesidade de vencelos para deixalos lonxe unha vez que xa case estamos na conta atrás. Polo Norte, o líder, o Cabana, visita ao pechacancelas, un irregular Malpica capaz de calquera cousa. Por detrás, os equipos camariñáns terán choques directos cos tivais directos polas prazas de arriba. O Camariñas visita a un Corme a só 5 puntos, e os da Ponte reciben a un Coristanco a só 3 da 3ª praza.
Saídas complicadas para os nosos nas a href=http://www.futboldacosta.com/?deporte=1&temporada=6&tc=95>Ligas Autonómicas - Aluminios Dumbría, mentres nas Locais, na 1ª Cadete, teremos choques directos entre os de arriba, como o Fisterra-Cabana, dúas canteiras históricas do noso fútbol. O Cee-Corme tamén será de aúpa, e que podemos dicir do derbi Esteirana-Os Miúdos, cos dous equipos na zona alta.
E xa nas Ligas de Veteranos, teremos unha xornada fantástica na 1ª División, pois dos 7 de arriba, descansa o Zas, e os outros 6 se enfrontan entre si. O Hosgran, líder, visita ao 7º, o San Lorenzo; o 2º, o Coristanco, recibe a un Baio 6º; e o Municipal de Vimianzo acollerá un partidazo entre Soneira e Dumbría.
Estes son os máis de 80 partidos en liza para esta fin de semana: