Boa participación dos arqueiros de Vimianzo na Liga Galega de Tiro con Arco


Finalmente o equipo de arqueiros de Vimianzo 2x70 acadou unha honrosa 9ª posición na súa primeira participación na Liga Gallega de Equipos. Despois das dúas xornadas disputadas, os vimianceses debían loitar polas prazas 9ª a 15ª en distintas eliminatorias. Nesta ocasión mostraron un bo nivel vencendo tódolos encontros que tiveron que disputar, acadando deste xeito o noveno posto xeral.
Cabe destacar que no último enfrontamento gañáronlle a Garrocha, un equipo moi veterano nestas lides, que presentaba dous tiradores que no seu tempo competiron coa selección galega en distintos campionatos nacionais. Tras un mal inicio no que os da Garrocha tomaron a dianteira, os de Soneira non se viñeron abaixo e conseguiron remontar 15 puntos nas dúas últimas entradas para finalmente gañar o encontro por un axustado 198 a 194.

Vindeiras citas
As competicións seguen e este próximo sábado o 2x70 desprazarase ó Pabellón do Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra para participar no XV Trofeo Federación Gallega – Xunta de Galicia. Neste caso é unha competición individual na que participaran un total de 58 arqueiros na modalidade de recurvo olímpico.
Novas relacionadas
- Os arqueiros de Vimianzo quedan ás portas da Liga Galega.
- 4 pequenos arqueiros de Vimianzo triunfan en Lugo.
- O Tiro con Arco afiánzase en Vimianzo.
Fonte
- Nota de prensa do Clube Dousporsetenta da man de Víctor Santos.