Tras ollar o parte de sancións, que trae ata multas por agresión a siareiros, afrontamos unha nova xornada con case 70 partidos no fútbol costeiro. Pero antes apuntamos un movemento, como é a dimisión de José Manuel Pato no banco do Cee, praza que polo de pronto será cuberta polo propio Llanero ata que o clube atope un novo adestrador.
Xa comezando co repaso da xornada, o choque da xornada na Preferente será o que enfronte ao Santa Comba co líder, a SD Compostela, que suma 6 de 6. Xa en 1ª, este novo Cee terá un partido importante no que poderá afundir ao Eume ou sumerxirse na zona baixa. A cita sabatina no Pinguel entre Ponteceso e Flavia contará ademais coa entrega por parte do clube dun pin en forma de escudo do equipo ós 5 socios de máis idade (José Manuel Cotelo Lema, Froilán Verdes Silvarredonda, Aurelio Varela Fuentes, Modesto Varela Calvo e José Dourado García).
A 6ª xornada na Liga da Costa chega cun Club do Mar líder que recibirá a un Sofán en horas baixas. Pero o partido máis interesante será o Malpica - Camariñas, onde dous dos chamados a estar na zona alta medirán as súas forzas.
Na 3ª hai varios encontros moi igualados pola zona alta. Salientable será ese Porteño-Cerqueda, así como o Coristanco-Carnota. Pola súa banda, o líder Outes non quere perder comba ante o Independientes, mentres que o Montelouro, que suma vitorias por encontros pero que se atopa 2º por ter un partido menos, recibirá no Xosé Luís Vara a un Fisterra B algo frouxo nas últimas xornadas.