Xoves. 28.03.2024
El tiempo

No nome do pai

No nome do pai
Os Carta… a mil; Manuel pai ven de cumprir o seu gran desexo de formar no eixo da defensa do Lira xunto ao seu fillo Manuel, que descolgou as botas para facelo realidade Manuel pai, á esquerda, e Manuel fillo, desfrutando dunhas vacacións Que futbolista, tanto modesto como profesional, non deu as súas primeiras patadas nun parque, no pasillo da súa casa ou no xardín ante a mirada babeante de seu pai? Cantas veces, unha vez enrolado o fillo nun equipo, o pai non pasou ser un 'ultra' disfrazado de representante do novo Messi ou Cristiano Ronaldo? O que só os 'superpapás' ou persoas cun toque de especial son capaces de acadar é que esa relación continue alén da pubertade do pequeno e da corentena do maior. Dixera Berizzo antes da gran torta copeira "para que se faga realidade, primeiro hai que soñalo". Pois non hai moito Manuel Cartamil Obelleiro soñara, nunha entrevista en QPC no mes de novembro, o que sería colgar as botas co seu fillo no Lira. E o desexo só tardou dous meses en facerse realidade. O pasado domingo, Manuel Cartamil Insua (Fisterra, 1995) debutaba coa histórica franxivermella. E a ilusión é case maior no caso do vástago. "Tivera moitos momentos de adestrar ao seu lado, pero de xogar oficialmente ata o pasado sábado nunca o fixera; é unha sensación especial, e por moito que o tentase explicar son cousas que hai que vivilas, para mí é un orgullo ter a meu pai ao meu carón", sentencia. "Ao xogar os dous na defensa podemos falar, avisarnos dos erros que estamos a cometer, ou por onde nos están a atacar máis; os dous coñecémonos moi ben e sabemos das virtudes e defectos de cada un, polo que faise máis sinxelo", engade. Pero digamos que ser compañeiro do eixo da defensa de Manuel Sénior non é precisamente o plan máis tranquilo para a tarde dun domingo, e seguro que no campo non hai irmáns, amigos ou fillos que valgan para un dos mitos vivintes do balompé da zona. "Cando era pequeno, chupei máis dunha bronca; era moi despistado e pasaba de todo; pero polo que de verdade me berraba era por non ir adestrar en días de choiva ou tardes que quedaba para xogar á consola cos meus amigos; para el, cando te comprometes con alguén, tes que cumprir", recoñece o rapaz. Retornando ás situacións de cotío pais-fillos, o clásico "papá, non tes puñetera idea de fútbol" seguro que por aquí agora pode aflorar en máis dunha ocasión. "Algunha vez nos picamos, pero por tonterías, os dous somos moi competitivos e non nos gusta perder a nada, soeos xogar forte e ao límite", di. Só unha situación así de especial, desas que un leva toda a vida dentro, foi capaz de recuperar para o fútbol ao pequeno dos Cartamil, que últimamente se quedaba na típica pachanga de PlayStation ou de colexio do cura como moito. E foi papá ese espello onde mirarse coma exemplo de superación. "Non me custou dar o paso, ver ao meu pai de 42 anos esforzándose cada semana, despois de traballar o que traballa… e aínda así ten ganas para xogar e loitar por tres puntiños, a min deume forzas, pero o que máis sobre foron as súas palabras hacia min", confesa. "Eu sería un egoista se non aproveitase esta oportunidade despois do que el fai; físicamente tampouco me está a custar moito coller ritmo, sempre estiven activo coa bicileta, correr ou o ximnasio", prosigue. Pero mentres, na casa dos Cartamil, a banda sonora para unha 'supermamá' como Rosa podería ser aquela de "por que os domingos polo fútbol me deixas?", xa que o Lira leva aos dous homes da súa vida. "Agora en vez de lavar un bolso de roupa de adestramento ten que lavar dous, pero se nós estamos contentos ela tamén", bromea. "A miña moza tamén está a facer un esforzo moi grande, xa que mudou os días de traballo para que pudera ir xogar, foi e é o meu maior apoio", puntualiza Cartamil Júnior. Pois que o rapaz non faga plans para os domingos do ano que ven, porque coñecendo ao seu pai seguro que xa está a maquinar algo.

Comentarios