O Volei Dumbría volve á crúa realidade da SuperLiga2
Queda con unha vitoria en 3 partidos o Volei Dumbría na esixente SuperLiga 2 tras caer con rotundidade ante o Náutico Boiro este pasado sábado, na celebración da 4ª xornada.
O equipo local foi moi superior ao conxunto dumbriés como reflicten os parciais de 25-16, 25-18 e 25-14. Os xogadores de Emilio Palacio estiveron moi acertados no saque, o que dificultaba a construción ofensiva dos dumbrieses, o que engadido ao gran número de faltas cometidas debido á súa inexperiencia facían que os boirenses xogasen con moita tranquilidade e comodidade no marcador.
Este partido ante un dos equipos que seguramente estea pelexando por unha das 2 prazas que dan acceso á liguilla de ascenso, devolve a realidade ao equipo dumbriés, xa que cun persoal tremendamente novo e sen experiencia en competición nacional deberá traballar duro para evitar as posicións de descenso.
No cadro dumbriés debutó o internacional venezolano Néstor González, que se converteu no máximo anotador do seu equipo, aínda que o seu rendemento estivo moi afastado do que se espera del, xa que tan só leva unha semana adestrando co grupo e seguro que a súa achega será maior co paso dos días.
Rally correspondente ao Náutico - Voleibol Dumbría da tarde de onte #ImosNáutico #TopCachada #BoiroÉVolei pic.twitter.com/wlyBuvFZgM
— Boiro Voleibol (@BoiroVoleibol) 23 outubro 2016
Vindeira cita
O próximo partido de liga será o domingo día 30 ás 11:30 en Dumbría fronte ao Hotel Río Carnaval de Badajoz. Os dumbrieses esperan facer un gran papel ante a súa afección e facer vibrar de novo o municipal co espectáculo do voleibol.
Máis información
Novas relacionadas
- O Volei Dumbría engancha á afección no histórico debut en SuperLiga2.
- O Volei Dumbría comeza a súa histórica andaina pola SuperLiga2.
- O Volei Dumbría xogará na Superliga 2.
Fonte
- Volei Dumbría.