Fin de semana do 21 e 22 de abril con moito #futboldacosta. Nunha xornada na que o comezo da Copa da Costa fixo os seus estragos como se pode comprobar con algunha goleada que outra. E comezamos a crónica da xornada precisamente pola Copa, na que só o Fisterra sentenciou o pase ante o Montelouro. Camariñas e San Lorenzo encarrilaron a eliminatoria con sendas vitorias fóra de casa ante Outes e Mazaricos e o Baio trae un 1-1 ao Platas Reinoso dende Esteiro.
Continuamos pola Preferente, onde os nosos acadaron resultados dispares: 1 vitorias, 1 empate e 2 derrotas. O Santa Comba que cae ao 5º posto e que ademais fai fraco favor aos veciños deixando marchar os 3 puntos cara Viveiro. O Xallas caía sen sorte ante un Santiago que recurta, e o Soneira non pasou do empate ante O Val. Deste xeito, nin Dumbría, nin Xallas nin Soneira poden despistarse. O derbi da 1ª rematou como se esperaba, cunha clara vitoria do Ponteceso ante un Cee que xa desexa o final desta agonía.
Na Liga da Costa, continúa moi igualada a loita pola 3ª e 4ª praza. Hoxe o Corme métese 3º tralo tropezo do Malpica ante o Zas, un empate que ademais aos zaenses lle sabe a gloria trala derrota do Nantón ante o Camariñas, nun choque intenso que acabou co cadro local pedindo a hora ante a case remontada dos cabaneses. Os de Pepucho seguen 2º cunha cómoda vantaxe sobre o Corme. Así, por abaixo, parece que o Nantón afunde máis e máis e queda a 4 puntos do Zas. Outros como Castriz (que sorprendeu en Baio), ou Buño, xa poden respirar tranquilos. Mañá faremos un repaso ao acontecido o sábado en Lombáns, i é que o corcubionés Sebas saíu cun forte golpe na fronte e tivo que vivir un auténtico periplo para ser traladado á Coruña en Ambulancia para ser operado. Parece que os recortes chegan ao fútbol.
A xornada na 3ª tiña o foco no Volantes-Montelouro, derbi muradán que rematou cun sorpredente 5-1 a favor dos de Baño que os meten xa 4º. Ademais, por arriba, Carnota e Outes non decaen e manteñen o ritmo, por diante dun Cabana que case ten asegurada a Liguilla e que agarda un tropezo dos de arriba.
En Xuvenís, o Malpica escapa, quedando Baio e Cee empatados 4 puntos por detrás. Os baieses seguen desafiando o potencial do Cee, que sacou un empate do Conco anteun Dumbría B que está a 3 puntos de baieses e ceenses e que non di adeus á Fase. Ademais, comezaba a Copa Xuvenil nos que o Mazaricos e o Ponteceso case que sentenciaban o pase a semis.
En Cadetes xa temos campión. O Dumbría empataba co Cee e sácalle 6 puntos ao Santa Comba a falta de 3 xornadas pero os xalleiros teñen que descansar. Así e todo parece que ambos serán os que participen na Fase de Ascenso á Liga Galega E parece que a Liga Infantil tamén vai quedar no Conco trala derrota do Cabana, tocado do partido entre ambos da semana pasada, que caía co Cee 3-5. E aquí hai que facer mención á Esteirana Perruquería Koletas, que xogará as semifinais do Campionato Provincial de Fútbol sala tras superara nada menos que ao Autos Lobelle, facendo boa a renda de 3 goles da ida.
E non quedamos sen falar dos Veteranos, onde o Castriz sentenciou a Liga e se proclamou Campión de 1ª División tras vencer ao Bergantiños e aproveitar a xornada de descanso do San Román.