Non para o fútbol da Costa. De feito aproveita cada festivo para completar as xornadas. Este martes 1 de novembro, día de Difuntos, había varias citas importantes. Pero en todas a preocupación polo estado de saúde do xogador do Pereiriña Gabri era evidente. De feito, ducias de xogadores e directivos de equipos de toda a bisbarra preguntáronnos polo seu estado e mesmo se achegaron polo Hospital para coñecer de primeira man a súa evolución, malia que non é recomendable que teña demasiadas visitas.
As novas parecen positivas. Gabri continúa ingresado pero parece que a evolución é positiva e parece que a familia do Pereiriña vai estando algo máis tranquila. Avisan en todo caso que o camiño é longo e que haberá máis obstáculos que pasar. Estaremos atentos porque nestes vindeiros días poderemos ter máis novas sobre o sue estado.
Entrementres repasamos a xornada futbolística, que iso si, vía como o partido entre Pereiriña e Independiente Carballo se suspendía por motivos evidentes.
A cita máis destacada foi o encontro da Selección da Costa sub23 contra a Selección galega sub18 en Fontenla, que rematou nun empate sen goles. O combinado costeiro, dirixido por Huelvis e Berto prantaron cara ao combinado galego, e mesmo dispuxeron das mellores ocasións para levar o partido, sobre todo no segundo tempo con ocasións de Pablo Pérez, Toni e Adrián Prol. A nota positiva foi a resposta do público que case que encheu Fontenla para disfrutar dunha xornada festiva. A nota negativa, o meta xalleiro David, que rompía un dedo mentres quentaba. Mañá traeremos a crónica completa do encontro.
Ademais había dous partidos da Liga da Costa que foran aprazados. O Corme afundiu máis ao Pindo, e o Nantón supera ao Zas na clasificación tras vencerlle pola mínima.
A xornada na 3ª chegou con novidades, e cambio de líder. O Montelouro pinchou na xornada matutina ante un Porteño que non se descolga. E o seu tropezo foi aproveitado polo Outes que non perdoou ante o Corcoesto. Ademais, o Coristanco suma un punto máis (cun partido máis) que os muradáns, tras vencer noutro dos encontros da xornada ao Cerqueda.
O Cabana segue por aí, ao igual que o Carnota que segue ascendendo sibilinamente. E ollo co Volantes, que como colla unha racha de regularidade se mete arriba seguro.