Xuvenís: A Copa da Costa será branca ou azul?

Este sábado 6 de maio, Fontenla acollerá a Final da Copa da Costa Xuvenil na que haberá dúas cores pelexando polo título: o azul do Cee e o branco do Ponteceso. Un auténtico partidazo entre dous dos mellores equipos da categoría. Unha gran festa do fútbol base costeiro que ten todo o apoio, por fin, da Federación Galega de Fútbol e que rematará con sorpresa para os propios protagonistas, os xogadores.

No deportivo, parece que chega o Cee con algo máis de confianza, despois de eliminar nada menos que a Xallas en Cuartos e ás Pedreiras en Semis, os dous equipos que representarán ao fútbol da Costa na Fase de Ascenso. Mentres o Ponteceso chega co mal sabor de boca da volta das semis, na que fixo un mal partido ante o Corme, que case o deixa fóra da final.

En todo caso, o cadro pontecesán que dirixe Gurita está facendo unha gran temporada e quere resarcirse nesa a súa segunda final consecutiva da derrota do ano pasado ante o Xallas. O Ponteceso rematou campión da primeira fase do Grupo Norte, e quedou ás portas desa soñada Fase de Ascenso. Pero chega a esta final coa confianza de saber o que tem que facer para plantar cara a todo un Cee, que non é outra cousa que ter moito o balón. É precisamente o control do balón o maior potencial dos pontecesáns, un equipo que gusta de combinar e de ter posesións longas. Parece así que o guión está escrito, ante un Cee que prefire esperar e saír con velocidade.
Os de Pondal chegan moi fortes fisicamente. E Gurita só ten a baixa de Iván Cousillas por unha algo inxusta expulsión nos últimos minutos da semifinal. Unha mágoa porque é un dos veteranos de último ano, e unha final destas só se xoga unha vez na vida.

Pola contra, o cadro que dirixe Carlos Pazos chega con moita forza. Despois de facer unha primeira fase impecable, deixándose só un empate en 18 partidos, sufríu un pequeno baixón na Liguilla Previa á Fase de Ascenso (tivo mala sorte coas lesións, penaltis…) e quedou fóra da loita polas dúas primeiras prazas demasiado pronto. Pero como Rei de Copas que é, tomou a competición como o gran colofón a unha moi boa temporada e chega con moita confianza tras eliminar aos dous cocos do cadro. Parece que a sorte lles está devolvendo na Copa o merecido durante a campaña ligueira.

Carlos ten todos dispoñibles agás o porteiro José Carlos, expulsado a semana pasada. Pero non ten problema o míster ceés porque ten dous grandes porteiros. O equipo ten unha fortaleza clave, cunha defensa moi forte e experimentada que foi capaz de parar aos goleadores do Xallas e San Lorenzo. No medio campo ten moita calidade o que combina coa gran velocidade que teñen os puntas para aproveitar as contras.

Así que non perdan esa finalísima, este sábado ás 18:30h en Fontenla. En todo caso, poden seguir o partido dende casa pois o resultado o teredes en tempo real en www.copadacosta.com.

 

Novas relacionadas

Crónicas das Ligas Xuvenís

 

Máis información