Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Un fogar alternativo para as crianzas na Costa da Morte

20190813_230344
Rocío Alonso é a propietaria da Casa Niño Areíña de Cores do Ézaro.
Un fogar alternativo para as crianzas na Costa da Morte

​Rocio Alonso Davila (Vigo, 1991) é a propietaria da Casa Niño Areíña de Cores no Ézaro, Dumbría. Un proxecto que se inspita na idea das ‘nais de día’, isto é, profesionais da educación que ofrecen no seu propio fogar un servizo de coidado a nenos menores de tres anos en grupos moi reducidos, ofrecéndolles, así, un ambiente familiar e unha atención personalizada. Falamos con ela.

  • QPC: Cando nace Casa Niño Areiña de Cores? De onde xorde a idea?

Areíña de Cores é froito dunha inquietude persoal de ofrecer á infancia un espazo familiar onde desenvolverse durante os seus primeiros anos de vida e cunha ratio reducida. Un día, por medio dunha nova coñecín a profesión das nais e pais de día existentes noutras comunidades autónomas, foi aí cando empecei a informarme e souben que era una profesión xa estendida noutros países de Europa. Anos máis tarde aquí, en Galicia, aprobouse unha regulación que subvenciona estes proxectos piloto, as casas niño, e que se inspiran na figura da assistante maternelle francesa e da childminder do Reino Unido, coñecidos en España como nais/país de día ou casas niño.

Naquel momento, era un proxecto que non podia levar a cabo na miña cidade natal, Vigo, pero igualmente seguía roldando na miña cabeza. Foi entón cando, por circunstancias persoais, mudámonos a vivir a Ézaro e deime conta de que estaba no lugar e momento perfecto para desenvolver o proxecto que levaba anos pensando nel.

  • QPC: Que diferenza a esta casa das garderías convencionais?

O feito de ter unha ratio reducida permíteme poder ofrecer unha atención individualizada, respetando os seus ritmos e necesidades, e establecer con eles un vínculo afectivo seguro e de confianza o cal vai favorecer no seu desenvolvemento persoal.

20190812_094457

  • QPC: Preguntado doutro xeito, que caracteriza principalmente a este fogar alternativo de crianza?

O principal, a facilidade para ter contacto coa contorna próxima e a natureza, cos veciños/as, favorecendo desta maneira as relacións tan enriquecedoras entre persoas de diferentes xeracións. Ademáis, é importante ese ritmo lento no que transcorre o día a día, un ritmo que permite ser, que permite facer, sen présas, con calma e respectando as necesidades e intereses dos nenos/ as que asisten, deixando que fagan por eles mesmos, que poidan equivocarse e a partir de ahí construir as súas aprendizaxes fomentando así a súa autoestima.

  • QPC: Onde está situada? Porque ali?

Areíña de Cores está situada en Ézaro (Dumbría), a súa localización débese porque é o lugar onde se atopa a nosa vivenda actual. Vivindo aquí deime conta de que se trataba dun concello que cumpría condicións para poder abrir unha casa niño, tiña menos de 5000 habitantes e sen servizo de escola infantil 0-3anos. Nun primeiro momento non podía crer que, despois de asumir o risco de deixar un traballo na cidade onde nacín e vir vivir aquí, onde as posibilidades profesionais son menores, atopábame no sitio idóneo para poder levar a cabo un proxecto co que soñaba e levaba anos roldando na miña cabeza.

  • QPC: Cantos nenos tedes?

O máximo de nenos/as permitido é de 5. Afortunadamente, desde o inicio sempre tivemos as 5 prazas cubertas e oxalá sigamos tendo familias interesadas para poder dar continuidade a este espazo.

  • QPC: Como é un día en Casa Niño Areiña de Cores? De que hora a que hora traballades?

O horario no que poden asistir acórdase segundo as necesidades das familias, sendo neste momento de 9:30 a 16:00h. Nese horario temos unhas rutinas establecidas que marcan os diferentes momentos do día, aínda así, cada día é distinto e característico por unha actividade en concreto (ir a fonte a buscar auga, coidar das plantas, facer pan, pintar...).

Ademais, xunto cas rutinas diarias e esas actividades especiais que marcan os diferentes días da semana, os nenos/as dispoñen na casa de diversos materiais que están ao seu alcance para que podan collelos e devolvelos ao seu sitio de forma libre e autónoma, atendendo as súas necesidades e intereses do momento.

  • QPC: Que impresións che transmiten os pais dos cativos? Xa o recomendaron a máis familias?

Para as familias é unha oportunidade o poder contar cun servizo coma este,  o cal lles permite conciliar a súa vida familiar e laboral. Fai pouco máis dun ano que o niño abriu as súas portas e aínda é un servizo coñecido por moi poucas persoas pero, polo momento, a maioría das familias que se puxeron en contacto foi por mor de recomendacións.

  • QPC: Cal é o financiamento de todo isto? Que papel xogan aqui as institucións?

A casa niño naceu como un proxecto piloto subvencionado pola Xunta de Galicia. Para poder acceder a esta subvención presentei un proxecto e meses máis tarde recibín a noticia de que estaba aprobado. A reforma da vivenda foi cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014/2020 e pola Xunta de Galicia, sendo esta última a que subvenciona a cota íntegra de cada un dos nenos/as que asiste diariamiente.

  • QPC: O funcionamento deste fogar é só no verán, ou tamén acolledes nenos no inverno?

O niño está aberto durante todo o ano de luns a venres, excepto os días festivos e un mes cada doce, no que o niño está pechado por vacacións.

Comentarios