Arrincan, 5 anos despois do inicio do proxecto, as obras da estrada de Hospital a Brens
Por fin arrincaron as as obras de terminación da estrada DP-2302 de Hospital a Brens. A obras, xa en execución e na que a institución provincial inviste 1.697.417,32 euros, levaba paralizada dende 2021 (cando fora axudicada por menos da metade do orzamento) tras varios problemas coas empresas adxudicatarias. Finalmente a Deputación encargou as obras a Tragsa, como medida última para garantir o desenvolvento das obras. “O obxectivo é que os traballos avancen canto antes, con todas as garantías, e que esta estrada poida estar rematada no menor prazo posible”, afirmou o presidente provincial Valentín González Formoso.
O alcalde de Dumbría, Raúl González Lado, valorou o inicio dos traballos como “un paso moi importante para mellorar unha vía clave para o municipio” e agradeceu á Deputación “a súa implicación, nomeadamente a Valentín e á deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, para dar unha solución definitiva a unha obra que era moi necesaria para a seguridade e a mobilidade da veciñanza”.
Unha estrada máis ampla e segura
O obxectivo principal da intervención é mellorar as condicións de circulación e seguridade viaria no tramo que conecta os núcleos de Hospital e Brens. Para iso, ampliarase a sección actual da estrada, que pasará a contar con dous carrís de circulación de entre 3 e 3,25 metros de ancho e beiravías de 0,50 metros.
A actuación inclúe tamén a execución de carrís de espera e cuñas nas interseccións, a corrección de curvas e a mellora da visibilidade. Ademais, prestarase especial atención á mobilidade peonil coa construción dun tramo de senda na marxe esquerda, de dous metros de ancho.
O proxecto contempla tamén a adaptación á nova rasante das estradas municipais que enlazan coa DP-2302, co obxectivo de mellorar as interseccións e facilitar unha circulación máis segura.
Os traballos completaranse coa sinalización vertical e horizontal da vía e coa instalación das novas barreiras de seguridade necesarias. O prazo de execución previsto é de oito meses.
