Os Gaiteiros de Buxantes presentaron na casa a súa proposta con Invernía para o Festival de Lorient

O pasado mes de marzo coñecíamos que os Gaiteiros de Buxantes representará a Galicia Festival Interceltico de Lorient (Francia), do 2 ao 11 de agosto. Un feito histórico para a nosa comarca participar no festival de música celta máis importante a nivel mundial, que se leva celebrando dende 1971 en dita cidade, e supón o maior punto de encontro das chamadas nacións celtas. Un festival onde tamén teñen estado a banda de gaitas Ximiela de Muros, a malpicá Banda de Gaitas Malante ou a ceense Fernando Fraga co seu acordeón.
Os Gaiteiros dumbrieses forman parte da banda de gaitas completa, Invernía, que será a protagonista dun festival que que cada ano está adicado a unha rexión celta do mundo diferente, sendo este o ano de Galicia. Invernía acudirá pois, xunto con outras agrupacións, representando á nosa comunidade nesta edición tan importante.
Un fito que merece unha presentación oficial, nunha data escollida como é este pasado venres 17 de maio, Día das Letras Galegas, cando o grupo actuou no auditorio de Olveira (Dumbría) no marco dunha xira de concertos por Galicia. Unha presentación que aproveitou a visita no noso país do representante da Delegación Galega do Festival Intercéltico de Lorient, Pablo Seoane.
Invernía![Banda de gaitas invernia logo]()
Esta banda de recente creación (é un proxecto nacido no ano 2018), foi fundada a medio camiño entre as cidades de Santiago de Compostela, Dumbría, Vedra e A Estrada), e conta cuns corenta compoñentes de tódalas idades. A súa creación tivo como obxectivo poñer en común o traballo das escolas de música tradicional destes lugares, baixo a dirección dos mestres Ramón Maril, Marcos Varela e Noelia Bouzón. Invernía polo tanto está conformada pola fusión de destas escolas, creando así un conxunto máis heteroxéneo e colorido, enfocado á interpretación dun repertorio máis seleccionado e fresco.
Ademais da banda de gaitas, Invernía conta tamén co seu propio grupo de pandeireteiras, Folerpas de Invernía, conformado polas propias percusionistas e gaiteiras que forman parte do proxecto. Ten ademais unha vistosa identidade gráfica deseñada por Rosa de Cabanas,
Marcos Varela, o inventor do nome da banda, asegura que “é un nome con moita musicalidade; ademais o inverno é algo moi galego, unha característica moi importante do noso país. Ademais, “Invernía” tamén é o título dunha peza interpretada polo grupo Milladoiro, así que serve de homenaxe a toda a música galega contemporánea.
Actualmente, a agrupación que leva unha constante actividade, atópase inmersa nos preparativos dunha xira de presentación en varias localidades galegas como Santiago, Dumbría (coa colaboración do concello e da Asociación Fonte Santa de Buxantes), e A Estrada. A banda participará o vindeiro 18 de maio nun festival folk en Cambre, colaborando de novo con Susana Seivane; o 26 de maio no Teatro Principal de Santiago; 0 2 de xuño no Teatro Principal da Estrada; o 22 de xuño en Marrozos no Xesteiraso Folk; e posteriormente en Lorient (Francia) do 2 ao 11 de agosto.
Novas relacionadas
- Os Gaiteiros de Buxantes representará a Galicia Festival Interceltico de Lorient Francia.
- A banda de gaitas Ximiela representa a Galicia no festival intercéltico de Lorient.
- A Banda de Gaitas Malante cumple o soño de ir ao Festival Intercéltico de Lorient
- O ceense Fernando Fraga levará o seu acordeón ao Festival Intercéltico de Lorient