A II Copa de España Mushing Concello de Dumbría traerá 200 deportistas á comarca
Esta tarde presentouse nas instalacións do Conco (Dumbría) a que será a II Copa de España Mushing Concello de Dumbría. Despois do éxito do ano pasado, con máis de 150 deportistas incritos, o Concello de Dumbría, xunto co Club Alejandro Gómez, mantén a súa aposta por este singular deporte, pola diversificación da oferta deportiva na Costa da Morte e polo deporte como vehículo que contribúe a poñer en valor o noso territorio.
O mushing é unha disciplina encadrada nos deportes de inverno na que os deportistas corren acompañados polos seus cans, os cales son os principais protagonistas e están protexidos por un regulamento que vela en todo momento polo benestar destes animais.
En 2025, a cita con este deporte será os días 8 e 9 de febreiro, co apoio da Federación Española de Deportes de Inverno e tamén da Federación Galega.
De novo, o escenario elixido para este evento en territorio dumbriés serán os montes de Buxantes, cun circuíto totalmente modificado, cunha nova ubicación. O percorrido será de 4 km e resultará accesible tanto para deportistas coma para os espectadores que acudan a presenciar a competición.
Esta proba, de carácter nacional, traerá ata Dumbría a máis de 200 participantes.