Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Lamentan o peche da oficina de Abanca en Dumbría

SUCURSAL DE ABANCA EN DUMBRÍA QUE CERRARÁ EN AGOSTO
A sucursal de Abanca en Dumbría non abrirá a partir do 24 de agosto
Lamentan o peche da oficina de Abanca en Dumbría

O vindeiro 24 de agosto, a oficina de Abanca en Dumbría botará o peche. Os seus usuari@s terán que desprazarse ata Cee para facer as súas xestións bancarias, nunha nova demostración do que significa o despoboamento do rural galego.

Así o entende o voceiro local do PP dumbriés, Antonio Santamaría, que calificou de “moi grave para os intereses de Dumbría” o paso dado pola entidade bancaria. Paa el, o peche só “persegue un obxectivo meramente economicista e de rendibilidade, sen ter en conta as peculiaridades propias de poboacións como a de Dumbría, dispersa e envellecida, coas dificultades engadidas para desprazarse e, na súa inmensa maioría, sen formación nin posibilidade de acceso á operativa financeira a través de banca online ou caixeiros automáticos”. “O peche de oficinas bancarias non veñen senón a acelerar a dinámica de despoboamento e abandono”, reitera.

De aí que faga un chamamento ás entidades financeiras para que “aposten por manter os servizos de proximidade coa poboación e a actividade asentada nos pobos e manter así un tecido social e económico imprescindible para a súa supervivencia. “Aínda que somos conscientes de que se trata de entidades privadas con compromisos cara aos seus investidores, non deben esquecer que non hai tanto tempo esas mesmas entidades foron ‘rescatadas’ con inxentes cantidades de diñeiro público. Trátase por tanto de que non só valoren as súas decisións desde criterios económicos, senón tamén desde o compromiso social cara aos cidadáns que tanto se comprometeron con eles”.

Comentarios