Máis dun millón de euros para mellorar a rede viaria de Carballo, Dumbría e Santa Comba
07:05 26/11/15
A finais do 2014 reparouse dendo o quilómetro 0 ata o 10 da estrada que comunica Coristanco con Santa Comba
Todo apunta a que proximamente a Costa da Morte recibirá unha importante cantidade de diñeiro co que reparar algunhas das súas estradas máis transitadas. Isto é o que se espera que aconteza no pleno da Deputación da Coruña, que se celebrará mañá venres a partir das 12.00 horas, e no que está previsto aprobar investimentos de mellora en estradas provinciais dos concellos de Carballo, Dumbría e Santa Comba por importe de máis de 1 millón de euros.
En concreto, aprobarase o proxecto de mellora da estrada DP 1901 Carballo a Sísamo entre o puntos quilométricos 0 e 0,310 (avenida das Flores), cun presuposto de 418.420 euros. Os traballos consistirán na mellora da travesía, dentro do entramado do núcleo urbano carballés, coa renovación de firmes e pavimentos, dotación de novas canalizacións de pluviais, fecais e abastecemento de auga e soterramento de liñas de teléfono e electricidade. Tamén inclúe a mellora da iluminación coa recolocación de 48 luminarias.
En Dumbría executaranse obras de ampliación e mellora da DP 3401 no tramo acceso ao núcleo Berdeogas entre os puntos quilométricos 0 e 1,400, cun orzamento de 232.013 euros. Os traballos inclúen a ampliación da estrada dende o seu inicio ata o pk 0,540 ata conseguir unha plataforma de 7 metros de ancho. Tamén se executarán sendas peonís de ancho variable entre os puntos quilométricos 0,460 e 0,540, así como a dotación dunha nova capa de rodadura, o que contribuirá a unha mellora da seguridade vial. Precisamente, o alcalde dumbriés, José Manuel Pequeño, é o responsable do departamento de Vías e Obras da Deputación. Nunha entrevista realizada fai uns meses, Pequeño recoñecía que hai unha enorme débeda coa rede de comunicacións da Costa da Morte.
Outro dos asuntos que se someterán á aprobación do pleno serán as obras de mellora da DP 2904 de Coristanco a Santa Comba, ao seu paso polo municipio xalleiro, entre os puntos quilométricos 15,800 e 20,240, cun investimento de 406.680,62 euros. As obras consisten na reposición da capa de rodadura da estrada no tramo sinalado e a reposición da sinalización horizontal. A finais do ano 2014, a Deputación xa destinara 700.000 euros para o arranxo do quilómetro 0 ata o 10.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Deputación