O lobo e corzo volven ao Monte Pindo


Boas noas as que nos envía a Asociación Monte Pindo Parque Natural. E atento estará o noso amigo Francisco Santiago López, o corcubionés, un dos amantes de “cazalos”, cámara en man. I é que facía tempo que non escoitabamos falar do lobo, nin sequera aos gandeiros.
Pero a entidade, a través do blog A Noite Branca, do escritor Francisco Xosé Fernández Naval, cóntanos que o pasado 6 de decembro na compañía dun dos maiores coñecedores do Monte Pindo, Fernando Alonso Romero, atopáronse con el. Atoparon pegadas de moitas especies, o que atestigua a lenta recuperación da fauna do Olimpo Celta. Peor a máis salientable, as pegadas do lobo, e tamén do corzo.
O lobo, animal en perigo de extinción coñecido por percorrer longuísimas distancias, volve asi ao Monte Pindo por primeira vez desde o incendio, e podemos confirmar a presenza de corzo, do que nunca antes houbo rexistros neste espazo e que desde agora a entidade o incorpora ao Catálogo de Especies do Monte Pindo grazas a esta visita.
Ademais, na visita entre os muiños de Vadebois e o Chan das Lamas a comitiva localizou un conxunto de petroglifos aínda moi pouco coñecido, composto por unha cruz medieval, varias coviñas e dúas figuras podomorfas, ademais de outros símbolos que cumpre descifrar. A Asociación Monte Pindo xa está en contacto con especialistas para catalogar, extraer calcos e xeolocalizar todos os petroglifos coñecidos neste espazo, para que nunca máis se perdan.
Outras novas
- Monte Pindo e GMTA preparan o Trail polo Olimpo Celta.
- Os Vídeos naturais de Francisco Santiago López.
- O lobo come boletus.
Fonte
- Asociación Monte Pindo Parque Natural.
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).