Pequeño: "O Concello ten que facer de empresa pública para fixar poboación"
Falabamos hai apenas un mes con el e xa nos deixaba caer a nova. Esta fin de semana confirmábase que La Vuelta 2016 volverá ter un final de etapa no Álto do Ézaro. "Como non vai vir", respostaba o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, á nosa pregunta obrigada o pasado xoves.
Foi unha das moitas preguntas que lle fixemos nunha tranquila conversa nas instalacións do Conco, na que repasamos os proxectos que ten para o Concello nestes anos, pero tamén a súa visión un mes despois de entrar como Deputado de lnfraestruturas Viarias.
- QPC: Como vai ese primeiro mes na Deputación?
Pois con moito traballo, pero a verdade é que moi ben. Sabes a cantidade de estradas que hai da Deputación por toda a provincia?? Por certo, aquí, na Costa da Morte, é onde menos temos… Ata para iso…
- QPC: Pero realmente, non sobran as Deputacións?
Hai un gran descoñecemento do traballo das Deputacións. Todo o mundo pensa en Baltar pero hai moito traballo detrás. Agora, por exemplo, ademais do aporte en materia cultural, fai todo o relacionado con temas recaudatorios (multas IBi…) Estase falando sempre de mancomunar, e que maior mancomunidade que a Deputación?
Agora, se utilizas a Deputación só para as cidades, aí estás pervertindo o sentido da Deputación. Facendo bos plans e sendo as administracións locais ben correspondidas, pode funcionar. E as cousas funcionan cando están dirixidas por técnicos, non por políticos, e aí Dumbría é un exemplo.
- QPC: Como vai influir á súa presencia na Deputación para o desenvolvemento da Costa da Morte?
Eu teño unha visión comarcal clara, pero non está todo feito por terme aí dentro Como eu son unha persoa asequible, que ando sempre de cachondeo e, sobre todo, que actúo da forma que penso, é fácil que me escoiten. Pero se están a crear demasiadas espectativas. .
A gran equivocación da nosa zona foi sempre pensar localmente, e aquí, en Dumbría, as cousas funcionan porque pensamos en comarca. Ata no programa electoral temos un Plan Turístico Comarcal. O que non pode pasar son cousas como as dos GACS que separan á Costa da Morte nos mapas…
- QPC: Como ve os novos movementos no sector turístico comarcal?
Pois a verdade é que non estou moi atento, pero creo que podemos conseguir a unidade do sector.
O problema da Costa da Morte é que temos tantos recursos que non sabemos que facer con eles, e calquera proxecto, paralízase porque sempre hai algo máis importante, que tampouco sae adiante. Habería que poñerse a traballar, primeiramente, na sinalización. E despois temos que vender valores que temos como a Gastronomía, pedindo un selo de calidade de marisco "Costa da Morte". Teríamos que promocionar os nosos Faros, (Vilán, por exemplo, é un estandarte).
E hai outra cousa, temos que traballar na profesionalización do sector. Hai que gastar máis en formar e menos en cds…
- QPC: Que podería importar a Costa de Dumbría?
Os eventos. Aí está La Vuelta e a súa indiscutible repercusión. Creo que hai que tirar por aí, porque recursos e cousas que vender temos de sobra, fan falta eventos que chamen a atención.
- QPC: Por que a Costa da Morte sofre décadas de retraso?
A culpable do noso retraso é a sociedade. Non só os políticos. Que o alumno non aprenda non é sempre culpa do mestre. Todos temos que ser conscientes de que estamos discriminados, por exemplo, en materia de infraestruturas. Todo o mundo pelexa por un servizo de transporte público e aquí non existe, mentres si que hai noutras zonas semellantes á nosa. Por que unhas zonas están máis desenvoltas que outras? Como é posible que chegue milleiros de peregrinos e non teñan un bus decente (ou tren) para voltar? No século XXI é impensable esta situación. Estabamos mellor nos anos 60
Non pode ser que a única autovía que teñamos ao arredor, a AG-50, sexa de peaxe, e iso ca renta per cápita que temos nesta zona. Temos que protestar máis.
- QPC: Que lle parece a fusión de concellos?
Non me parece mal que se fale diso, pero agora ben, se mo preguntas a min, dígoche que Dumbría non. Pero por unha cousa, porque eu aquí fago de motor económico do meu concello. Mentres a xente non poida emprender, temos que ser unha empresa, ademais, pública, coa directa intención de fixar poboación.
Fixemos o tanatorio que ninguén quería facer, Acabamos de crear este verán unha empresa de kaiaks (vendéronse 1000 tickets neste verán), un porto deportivo municipal, estamos abrindo no Ézaro unha cafetería, que imos dar en concesión…
A versatilidade. Todo o que facemos o enfocamos de diversas maneiras, e se non funciona dun xeito, podemos rectificar e que funcione doutro. O Centro Bitácora do Ézaro, xa aberto, é un exemplo, e ten unha parte de albergue, unha cafetería, un salón de actos que se pode convertir en varias salas de traballo… Se fixemos todo o que fixemos para os mortos (cemiterio de cores, do que agora está prantexada a ampliación porque xa non hai prazas) e tanatorio) e funcionou, porque non van funcionar as cousas para os vivos? Pois temos cousas para cada parroquia. Pero a máis potente pode ser ese Centro Fusión que queremos facer no Conco, un espazo multixeracional, multifuncional, cun Centro de Día para maiores, e unha Gardería ademais das cousas que xa temos, ampliar a cafetería, facer unha zona comercial, e un Spa para os veciños. A idea é xuntar a pequenos cos maiores, algo que nunca se conseguíu. Ademais, en Olveira, por exemplo, queremos humanizar a zona e imos case que a peatonalizar o centro da vila, e estamos pendentes da Xunta para a Depuradora, que coma no Ézaro, xa levamos 8 anos esperando.
Estamos co estudo xeotécnico para redactar o proxecto.
En Berdeogas, queremos poñer en valor ese núcleo rural tan auténtico, e imos unir o río, ca carballeira, ca praza , co castro… facendo ademais un Centro Arqueolóxico, que poida servir para acoller eventos.
Temos tamén aberto xa o Centro Bitácora do Ézaro, con cafetería, sala de reunións e albergue. Un albergue que non só é para peregrinos, pois xa estivo cheo medio verán cos rapaces das selecciónss de volei, e mesmo rapaces do Ézaro enviáronme unha carta a casa pedíndome que organizase un campamento para poder durmir nel…
Ah, e non podemos esquecer a ampliación do cemiterio de cores.
Novas relacionadas
Novas relacionadas
Fonte