martes. 28.10.2025
El tiempo

O TSXG anula a autorización do parque eólico A Ruña III por carecer da adecuada declaración de impacto ambiental

  • É a primeira vez que a Sala, tras as recentes resolucións do TS e do TXUE, se pronuncia nunha sentenza sobre a concesión de permisos para estas infraestruturas
Eólicos por Paxareiras-Foto-Sergio Rod. Alabau
Eólicos por Paxareiras-Foto-Sergio Rod. Alabau
O TSXG anula a autorización do parque eólico A Ruña III por carecer da adecuada declaración de impacto ambiental

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emite a primeira sentenza na que se pronuncia, tras as recentes resolucións do Tribunal Supremo e do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), sobre as autorizacións administrativas previas e de construción dun parque eólico da comunidade.

A Sala decretou a anulación das autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico A Ruña III, situado no termo municipal de Mazaricos, acollendo o recurso presentado pola asociación Petón do Lobo.

En 2024, o TSXG decidiu suspender, á espera de que se resolvese a cuestión prexudicial que presentara ante o TXUE, o litixio no que debía decidir sobre a legalidade das autorizacións concedidas pola Xunta á promotora do parque A Ruña III, Eurus Desarrollos Renovables.   

Os maxistrados basean a anulación en que a declaración de impacto ambiental se limitou ao parque eólico cando se tiña que realizar de forma conxunta coa da liña eléctrica de evacuación. “A Ruña III non só se configura como unha instalación que produce enerxía eléctrica, senón que tamén a almacena e transporta ata a rede”, indica o TSXG, á vez que engade que “se tiñan que contemplar todos os seus compoñentes nun só proxecto ou, polo menos, valorar ambos de forma conxunta nunha soa declaración de impacto ambiental”.

O segundo dos argumentos estimados polo TSXG é a falta de análise, na declaración de impacto ambiental, “para previr ou, no seu caso, mitigar”, os danos que o parque eólico podería producir a algúns espazos próximos á Rede Natura 2000.

A Sala, polo tanto, conclúe que “o que procedía era tramitar e formular un único procedemento de avaliación ambiental que valorase de forma unitaria e conxunta os impactos e efectos sinérxicos do conxunto das instalacións, que non só eran as de produción ou xeración de enerxía eléctrica, senón tamén as de transporte ata a rede, sen esquecer a proximidade dese parque co que ía compartir infraestruturas de evacuación”.

A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Máis novas

Comentarios