Domingo. 06.10.2024
El tiempo

#RECUNCHOSDACOSTA

Recunchos da Costa: A ruta do Muíño de Louredo

Recuncho da Costa-MUino de Louredo -Ezaro-Dumbria 1
Recuncho da Costa-MUino de Louredo -Ezaro-Dumbria 1
Recunchos da Costa: A ruta do Muíño de Louredo

En outubro de 2007 comezábamos unha fermosa colleita dos lugares singulares máis fermosos da nosa comarca. Un xeito de poñer en valor o noso patrimonio natural e cultural. Nalgún momento da historia aquela fermosa web perdeuse no limbo da internet, e hoxe queremos comezar a recuperar estes tesouros.

Así que para que sigades descubrindo tesouros da nosa propia comarca, e para fagades de inmellorables guías turísticos cando vos toque facer de anfitrións antes a visita de amigos de fóra, comezamos de novo esta colleita. E facémolo polo Ézaro, por esta ruta ata un lugar que xa nos descubrira hai anos Mario Rodríguez, pero que vimos de refrescar.

A Ruta o Muíño de Louredo

MAPA RUTA do Muino do Ezaro

É perfectamente compatible coa imprescindible visita á cascada do Xallas, e ao Mirador, ou con unha ruta nos kaiaks pola ensenada do Ézaro. E é algo máis lixeira e apta para familias con nen@s que a subida ao Monte Pindo xa sexa polo Pindo ou pola Moa.

A ruta parte fa Farmacia do centro do Ézaro (pincha aquí para acceder á localización. A partir de aí vas atravesando o singular casco do que podería ter sido “Ézaro de Arriba”. Casas recuperadas, maridan estupendamente coas galiñas, as ruelas, e os numerosos hórreos do lugar.

Cómpre ter coidado na parte alta, pois hai un desvío á esquerda cun cartel que cómpre renovar.

Unha vez que remata a estrada e comeza o camiño (deixando á esquerda un pequeno galpón depósito) é momento para dar a volta e disfrutar das vistas. Co Ézaro e o Pindo aos nosos pés, temos tamén unha fenomenal vista parcial do Monte Pindo.

Vistas do Ezaro e o Pindo dende a Ruta dos Muinos

Bosque na ruta do Muino de Louredo

Seguiremos andando por un fermoso sendeiro abrigado por un bosque frondoso, deses camiños que se disfrutan. Pouco a pouco iremos escoitando o río ata que chegaremos ata el no lugar onde se atopa o Muíño de Louredo.

Complemente restaurado, podemos entrar no seu interior e imaxinar perfectamente o seu funcionamento. As alvarizas do arredor son unha xoia etnográfica, e a contorna é ideal para parar, e facer un pincic. A ruta completa, de subida e baixa, con familia e picnic, non pasa das 2 horas.

Recuncho da Costa-MUino de Louredo -Ezaro-DumbriaAlvarizas no Munio de Louredo-Ezaro

Un pouco de historia

Son varios os muíños que se poden ver no Ézaro, aínda que o último, o que lle da nome á rota, o Muíño de Louredo é o que está restaurado. Os muíños herdaron os seus nomes dos alcumes dos propietarios, da súa antigüidade ou ben de nomes singulares, tales como o Muíño da Rejacha, o de Roque, o Vello ou a Moíña entre outros.

Este emprazamento debía ser óptimo para o mel, xa que existen restos de antigas colmeas de pedra ao carón do muíño de Louredo, así mesmo colmeas máis actuais que se observan preto do mesmo.

O muíño normalmente era de varios propietarios, tendo cada familia asignado un día determinado para ir moer o millo. No caso de non poder acudir no día correspondente, tíñase que agardar ata a semana próxima.

O tramo do río onde se emprazan os muíños tamén era empregado para ir lavar as roupas da cama; é dicir, as sabas e mantas e poñelas ao clareo.

Fai centos de anos, o movemento da auga empregábase nas fábricas. Hoxe en día, as presas e saltos de auga empréganse principalmente para a produción de electricidade nas centrais hidroeléctricas, como as que se poden ver ao carón da Fervenza do Ézaro.

Muino de Louredo-Ezaro recuperado

Comentarios