mércores. 30.04.2025
El tiempo

Salientan en Dumbría a importancia do PEL da Deputación na creación de emprego

Visita institucional a Pension Rustica As Pias
Visita institucional á Pensión Rústica As Pías
Salientan en Dumbría a importancia do PEL da Deputación na creación de emprego

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, xunto coa deputada e alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, visitaban onte o Concello de Dumbría, onde foi recibido polo alcalde, Raúl González Lado, e os edís María Agulleiro, María Lema e David Carreira, nunha xornada dedicada a poñer en valor o impacto do Plan de Emprego Local (PEL) da institución provincial no tecido económico e empresarial do rural.

Ao longo da mañá, o presidente e o alcalde visitaron dous dos establecementos do municipio que recibiron axudas do PEL nos últimos anos: a pensión rústica As Pías e o Hotel Boutique Mar do Ézaro, (que tamén recibiu a semana pasada a visita da Xunta) dous exemplos de emprendemento e iniciativa empresarial que apostan por crear riqueza e emprego desde o propio territorio.

Nos últimos cinco anos, a pensión As Pías percibiu máis de 51.000 euros en axudas destinadas á contratación de persoal, investimentos de mellora nas súas instalacións e pagamento de cotas de autónomos, mentres que o Hotel Mar do Ézaro superou os 57.000 euros en apoios do PEL para contratar persoal desenvolver o seu proxecto empresarial e consolidarse como referente de calidade turística na zona.

Desde 2017, o PEL concedeu en Dumbría un total de 103 axudas por importe de case 1,3 millóns de euros, a maior parte delas para contratacións (financian o 70% do salario do traballador/a empregado durante o primeiro ano e o 50% no segundo ano), o que permitiu crear 38 empregos no municipio.

Formoso destacou a versatilidade do programa: “Unha das grandes fortalezas do PEL é que permite que as empresas combinen diferentes liñas de axuda segundo as súas necesidades: contratación de persoal, investimentos…tal e como vimos hoxe nestes dous negocios de Dumbría, que ao longo dos anos foron adaptando o tipo de apoio recibido á súa evolución empresarial”. O presidente lembrou que este tipo de políticas “non só contribúen a mellorar a economía local, senón que tamén axudan a fixar poboación e garantir que os nosos concellos rurais sigan sendo espazos vivos, con actividade e futuro”.

Pola súa banda, o alcalde de Dumbría, Raúl González Lado, destacou a importancia que para os pequenos concellos tivo a creación do PEL, “que axuda ás pequenas empresas e autónomos a crear oportunidades laborais e a que os pequenos negocios podan crecer e consolidarse”. “Son un apoio fundamental, tamén para os concellos, pois tamén nos permíte contratar persoal para atender os servizos esenciais municipais”

56 obras en Dumbría

Durante a mañá, o presidente e o alcalde visitaron tamén as melloras realizadas nos servizos e accesos a Canelas e ao núcleo de Santo, no Ézaro, dúas das 56 obras que a Deputación leva financiado en Dumbría con cargo ao Plan Único (POS+), o programa de obras e e servizos da institución provincial, que desde a súa creación suma investimentos por preto de 8 millóns de euros no municipio.

Formoso destacou que o POS+2025 incrementou este ano a súa achega inicial nun 72%, o que supón que Dumbría recibe 879.252 euros para destinar a obras, mellora de servizos e gastos sociais que se deciden desde o propio concello e que contribúen a mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Melloras para o Servizo de Axuda no Fogar

Visita institucional Concello Dumbria

No marco da súa visita institucional, Valentín González Formoso fixo entrega tamén ao Concello de Dumbría dun novo vehículo para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que será empregado polas traballadoras que atenden diariamente ás persoas maiores do municipio. Trátase dun Peugeot 2008 Allure Hybrid que permitirá mellorar as condicións de traballo das profesionais, evitando que teñan que empregar os seus vehículos particulares nos desprazamentos.

A Deputación da Coruña destina este ano un total de 9,1 millóns de euros a financiar o SAF nos concellos de menos de 20.000 habitantes, garantindo así a prestación de 395.804 horas de servizo en toda a provincia. No caso concreto de Dumbría, a achega da institución provincial ascende a 164.000 euros, cos que se financia a contratación de dúas persoas especialistas en servizos sociais e a cobertura de 6.000 horas de atención domiciliaria.

Comentarios