Alternativa: “A moción baséase no espíritu da vinganza dun edil tránsfuga"

Anunciabamos onte a presentación da moción de censura contra a alcaldesa de Fisterra. Os 5 concelleiros do PP e o concelleiro que aínda forma parte do grupo político da rexedora (Alternativa dos Veciños), formarán a todas luces un novo goberno popular a partir do 19 de agosto (o pleno será ás 12:00h).
Temos falado co voceiro do PP, Luís Insua, e agora facemos o propio coa rexedora e o presidente do seu grupo. Unha Área Domínguez, a primeira alcaldesa da historia de Fisterra, que leva dous anos de goberno apoiada puntualmente polos dous edís PSOE e a concelleira do BNG, Unha situación que se converteu en minoría cando a mediados de 2023 perde o apoio dun dos seus concelleiros, que pasa a votar coa oposición, e mesmo chega a denunciala este mes de marzo por presunta prevaricación e malversación de fondos.
Así, tras un ano nesta coxuntura que supón esta minoría, moi complicada de xestionar, finalmente, o PP chega a un acordo co este edil, a cambio duns compromisos que o PP non quere facer públicos aínda.
A rexedora entende que a moción de censura se base no “espíritu da vinganza dun edil "tránsfuga”, como considera ao edil Franciso Martínez Traba. Pero vai máis alá e denuncia a todas luces que detrás está o fillo deste, Juan Francisco Martínez Canosa, membro da directiva do grupo político, que foi o gran valedor da rexedora durante a campaña electoral e durante os primeiros meses de goberno.
O presidente do grupo de Alternativa dos Veciños, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane “Gelo”, asegura que vai expulsar, este mesmo martes na Comisión Executiva de AdV, ao edil, acusándoo de provocar esta grave situación por “asuntos persoais”. “Non imos apoiar políticas destrutivas”, sentencia Gelo.