Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Ana Miranda: "Preséntome en Fisterra para que os sectores produtivos sigan tendo peso neste país"

Ana Miranda na lista do BNG de Fisterra
Ana Miranda pecha a lista do BNG de Fisterra
Ana Miranda: "Preséntome en Fisterra para que os sectores produtivos sigan tendo peso neste país"

Na lista do BNG de Fisterra sorprende un nome por riba de todos. A eurodeputada do BNG Ana Miranda pecha a lista como demostración do seu compromiso do sector da pesca artesanal. Falamos con ela sobre a súa participación nestas municipais.

lista do BNG de Fisterra

- Como é que Ana Miranda aparece nesta lista do BNG de Fisterra? Conta toda a historia porfa!

Pois principalmente porque mo pediron. Aasemblea local votou que pechase a lista, porque Fisterra é un concello simbólico, o final e o principio de moitos camiños. Non pode haber un concello máis simbólico en Galicia, que represente mellor a todo o país.

É certo que podería ir en Vigo, a milña cidade, ou en Cuntis, pero fágoo en Fisterra con moita ilusión.

Responde a unha brincadeira no Día das eleccións Europeas con Kuka Sar falando a ver quen sacaba máis votos no Concello. Como saquei eu máis, a seguinte vez díxome “para a seguinte tes que vir ti de alcaldesa”. Como iso é imposible, ademais mellor que Kuka non o podería facer.
Eu síntome moi honrada de ir, dende logo.

- Que cres que pode aportar esta candidatura se accede ao goberno?

O BNG xa goberna en Fisterra, pero Fisterra necesita que o BNG teña màis poder para poder facer máis cousas. É tempo de que teñamos a alcaldía, de que poidamos xestionar como se fan nos concellos do BNG, nas que melloramos a calidade de vida da xente, se toman decisións que axudan a dinamizar as vilas… Dende Carballo a Allariz, dende San Sadurniño a Pontevedra, pasando por Barro, Tomiño ou As Neves.
Faise dende os cogobernos, pero con máis se estamos no poder, algo que é xusto e merecido despois do traballo de Kuka e Teresa nestes anos.

O modelo do BNG é un modelo diferencial en Galicia, no Estado e en Europa. Sabemos para quen gobernamos, para a xente, facendo políticas que cambian a vida da xente: políticas enerxéticas, de apoio a sectore sprodutos como o mar; cambios nos modelos de urbanismo, protección da natureza…

- Ten futuro real a pesca de baixura? Cando ves por Fisterra como ves o relevo xeracional? Cres que a pesca seguirá sendo un dos motores económicos de Fisterra de aquí a 20 anos?

Fisterra é unha vila pesqueira, na que a pesca representa moito da súa economía, pero tamén do que xira ao redor, como o turismo, ou os servizos. Sen pesca artesanal, non hai nada, esa pesca que dá de comer a moita xente, todo o que se move na cadea de valor da industria pesqueira artesanal.

Nós apostamos porque os sectores produtivos sigan tendo moito peso no noso país, e máis en vilas como Fisterra altamente dependentes da pesca; e de aí o meu compromiso de ir nesta candidatura como defensora da pesca artesanal en Fisterra.

Ademais cremos que hai un problema co relevo xeracional, porque neste país abandonáronse moitos sectores produtivos, porque o PP, coa complicidade de Bruxelas, desmantelou sectores como a pesca. A Consellería do Mar apoiou a determinadas grandes empresas e non tanto ao armador e mariñeiro que loita día a día por unha pesca sen tantos impedimentos como hai.

Hai que seguir traballando dende Santiago, dende Madrid ou dende Bruxelas, e dándolle un valor, porque a xente moza vexa a importancia dun sector que nos dá de comer, e que lle dá identidade e singularidade a vilas como esta.

- Dende aquí temos a impresión de que os fondos europeos destinados ao mundo da pesca están destinados precisamente a retirarnos da pesca e montar un negocio turístico… Como o ves?

Temos a perceopción de que os fondos europeos foron mal empregados, que houbo un uso e abuso, e que había unhas necesidades como saneamentos, infraestrurturas… que debían solventarse con eses fondos europeos, pero resulta que non chegaron para os sectores que máis o necesitaban.

Pero por que non chegaban ou chegaban mal? Porque o PP fixo un mal emprego dos Fondos Europeos e dos Fondo Europeo Marítimo de Pesca. Cremos que puido apoiar moito máis a pesca artesanal.

- Sínteste soa no parlamento Europeo pelexando pola pesca artesanal?

Levo o peso e o apoio do sector. Ao estar en contacto directo sempre coa pesca galega, fai que nunca me sinta soa. O único que hai moitos deputados, pero moi poucos que defendan a pesca artesanal. É evidente que é o Bloque o que se queda só na defensa, pero coa coherencia dun sector, o segundo máis importante de Europa, por iso sentímonos acompañadas.

Está claro que Europa non entende a pesca e necesita que estemos para que lles lembremos a singularidade da pescar artesanal e o marisqueo.

Comentarios