O sector pesqueiro da Costa da Morte: unha constante loita por sobrevivir

O sector pesqueiro da Costa da Morte vive actualmente un momento moi difícil. A falta de xente para traballar en xeral, unido á falta de relevo xeracional e ás poucas axudas por parte da administración deixan clara a necesidade de cambios para poder garantir a súa supervivencia. Analizaremos os distintos puntos de vista das confrarías de Muxía, Laxe e Malpica e coñeceremos a historia de Santiago Mira e Iago Guisamonde, dous mozos exemplo do escaso pero aínda existente relevo xeracional.
A situación pesqueira na Costa da Morte
O mar e a vida mariñeira marcaron dende un inicio a historia da Costa da Morte. Con todo, é un segredo a voces a mala situación que vive actualmente o noso sector pesqueiro. Cada ano vemos como se reduce o número de mariñeiros, a cantidade de barcos nos portos, a xente moza interesada no mar e as axudas por parte das administracións.

Antonio Devesa, secretario da confraría de Laxe, afirma que a situación do sector actualmente non é boa. “Houbo unha diminución importante de barcos e non só de barco senón de tamaño de barcos. Hai menos barcos e os que hai son máis pequenos. Empresas, pero empresas máis pequenas. Hai sobre todo pequenas de dúas persoas. É un signo de que o sector está dando un paso cara atrás”, explica.
“Houbo unha diminución importante de barcos e non só de barco senón de tamaño de barcos. Hai menos barcos e os que hai son máis pequenos” – Antonio Devesa
A Real Academia Galega define unha confraría como unha asociación de mariñeiros, armadores e mariscadores. A pesar de que esta sexa a definición oficial, o seu traballo vai moito máis alá e son indispensables para poder imaxinarnos un futuro no mar. Para entender todo o que o seu traballo agrupa contamos con Fran Varela, secretario da confraría de Malpica dende o ano 2018. “Somos unhas grandes descoñecidas ata tal punto que o relevo e o recoñecemento está fatal porque a Unión Europea non recoñece as confrarías como organismos independentes ou organismos capacitados para decidir da xestión da pesca, cando levamos dende 1923 xestionando a pesca moito antes de haber normativas autonómicas, estatais e europeas”, argumenta.
En Malpica, a maiores de todo o seu traballo diario, a confraría conta cunha Casa do Pescador onde hai un local, coñecido como fogar do pensionista, o cal é de uso público. “Principalmente para os pensionistas do mar pero aberto e gratuíto a todo o mundo. Mantémolo nós, os mariñeiros, a confraría. Un espazo público que se pode empregar para exposicións, charlas, actos.. Que o emprega ata o concello”, puntualiza. A pesar de todo, Fran considera que non están recoñecidos como deberían. “Non estamos recoñecidos porque aquí o que se quere é reducir xente no mar, quitar o sector, meter barcos enormes para que manexen a cota grandes empresas con posibles influencias a nivel político. Eu estou orgullosísimo de formar parte dunha confraría de pescadores, de ser secretario e de defender o sector. Porque vexo que é unha das cousas máis democráticas que hai, porque ten o mesmo poder o traballador como o empresario”, finaliza.

“Non estamos recoñecidos porque aquí o que se quere é reducir xente no mar, quitar o sector, meter barcos enormes para que manexen a cota grandes empresas con posibles influencias a nivel político" - Fran Varela
Dende Muxía, Nacho Castro, xerente da confraría, resume os problemas do sector pesqueiro en catro puntos de vital importancia. “En primeiro lugar temos un problema moi serio co relevo xeracional. En segundo lugar, hai falta de titulados náuticos pesqueiros. En terceiro lugar, estes dous problemas poderíanse salientar metendo man de traballadores estranxeiros pero atopámonos con que se nos poñen moitísimas trabas para conseguir man de obra. Por último o modelo de sociedade que estamos construíndo entre todos. Todos queremos ser médicos, avogados, enxeñeiros... Estamos montando un país e resulta que ninguén quere traballar no sector primario”, reafirma.
“Todos queremos ser médicos, avogados, enxeñeiros... Estamos montando un país e resulta que ninguén quere traballar no sector primario” - Nacho Castro
No relativo á administracións, ámbalas tres confrarías coinciden en que deberían e poderían facer moitísimo máis. Xa non se fala de axudas, as cales son case inexistentes, senón da continua imposición de impedimentos para poder traballar cada día. “A min máis que as axudas preocúpame o outro gran problema. É dicir, toda a nosa flota ten que comprar cota nun mercado para poder traballar. É surrealista. É tremendo. Eu para poder recoller laranxas teño que compralas, para que me entendas. As políticas que se impoñen dende fai algúns anos non teñen sentido”, explica Nacho Castro, de Muxía.
“A min máis que as axudas preocúpame o outro gran problema. É dicir, toda a nosa flota ten que comprar cota nun mercado para poder traballar. É surrealista” - Nacho Castro
Un punto de vista moi interesante agrégao Fran Varela, de Malpica, quen considera que a nivel político non se quere mellorar a situación. “Cando se trata de negociar cotas, España é un país que se te fixas todos os representantes políticos, en idiomas...Vai xente que non ten inglés. Cando vas a un país europeo a falar das cotas e só tes capacidade de falar a través dun tradutor non vas ser capaz de xuntar apoios, ou valo facer con moitas complicacións. Hai que formarse e levar os estudos científicos feitos, o cal require de máis inversión en I+D+i”, argumenta. Polo seu lado, Antonio Devesa, de Laxe, considera que as axudas non están orientadas a potenciar o sector realmente. “Eses fondos están orientados a que un tío que está no mar monte un restaurante ou un bar. Non hai apoio ao mar. Non están facendo o suficiente. Creo que teñen a política de que cantos menos queden, mellor van estar, pero para min non é a forma de orientalo”, expón.

O relevo xeracional na pesca da Costa da Morte
Hoxe en día tódolos ollos están postos en que será o que ocorra no mar cando as vellas xeracións decidan xubilarse. Cada ano son menos as mozas e mozos que se introducen no sector pesqueiro e o interese por parte da xuventude diminúe co paso do tempo. A situación do relevo xeracional no mar é verdadeiramente preocupante. “Non hai relevo xeracional, iso está claro. Relevo xeracional non é que dúas rapazas ou dos rapaces se incorporen ao sector cada ano, habendo incluso anos nos que non se incorpora ninguén. Que non hai relevo está máis que demostrado”, opina Antonio Devesa. En canto ás circunstancias que inciden na situación, Antonio refírese a que a xente busca outras alternativas de traballo respecto ao que ocorría anos pasados.

A pesar dos datos negativos e preocupantes, hoxe coñeceremos a historia de Santiago Mira e Santiago Guisamonde, máis coñecido como Iago, dous mozos que decidiron seguir no mar a través dun relevo xeracional.
Santiago Mira ten vinte e cinco anos, naceu en Laxe e é patrón. Estamos ante un claro relevo xeracional, pois o seu pai xubilouse e el comezou a traballar o seu barco. Hoxe en día é patrón e traballa co seu irmán pequeno. No relativo a como tomou a súa familia a decisión do seu relevo, as sensacións foron diversas. “A ver, si que se poñen contentos de que leves un bo estilo de vida tendo o teu propio traballo. Pero si que me dixeron que mirase por outro lado e deixase isto porque vemos que non ten futuro no aspecto de que a un barco que lle fai falta tripulación, non dá atopado. No meu barco imos tres e sería para ir cinco, e no tempo no que máis imos somos catro”, explica o mozo.
“Si que me dixeron que mirase por outro lado e deixase isto porque vemos que non ten futuro no aspecto de que barco que lle fai falta tripulación, non da atopado” - Santiago Mira
Ante o valor que a sociedade lle outorga ao mundo do mar, Santi considera que non se valora o suficiente. “Se nós non existimos, non hai peixe, non hai pescadeiros, non hai transporte de pescado fresco. Da Coruña saen moitísimos camións cara Madrid, iso quere dicir que somos de primeira necesidade, xa se viu durante o Covid-19”, argumenta. Relacionado con isto, o patrón considera que socialmente sigue estando mal visto en pleno século XXI que a xente nova queira dedicarse ao mar. “Trátante de burro, por dicilo así, como persoa sen estudos que solo serves para peón. Eu e moita máis xente tivemos que estudar. Para levar un barco tes que facer uns estudos. Eu estiven en Ferrol tres anos e estiven tres anos de prácticas ata chegar a ser patrón”, explica.

Outro exemplo de relevo é Iago Guisamonde, nado en Muxía no ano 92. No seu caso sempre estivo vinculado ao mar. “O oficio vén de familia, xa que meu avó dedicouse ao mar, meu pai tamén, oficio no que perdeu a vida, e meu irmán tamén, que foi con quen empecei a traballar. Eu agora teño o meu propio barco, que se chama o Saburil, e agora mesmo somos catro pero adoitamos ser cinco”, conta Iago.
En canto ao relevo xeracional do que el mesmo forma parte, Iago considera que a situación está sendo complicada. “Os rapaces novos non optan por vir para o mar. Non lle tira á xente porque é un oficio bastante duro, pasamos malos tempos e non hai un soldo fixo, aínda que moitas das veces sae moito máis rendible para o mariñeiro. Hai o problema de cando non vas ao mar que non se gana e ademais fanse moitas horas”, argumenta.
No relativo ao futuro, ámbolos dous mozos coinciden nun concepto: o despezamento dos barcos. “Se veñen despezamentos está claro que máis da metade da flota vai intentar despezar, xa que a maioría dos armadores son xente maior e pouca xente nova quedamos. Queren despezar porque non hai compradores nin xente nova”, finaliza Iago.
O sector pesqueiro necesita dunha administración que loite pola permanencia do traballo no mar e lle augure aos traballadores unhas mellores condicións. Remar con eles, a favor, e non en contra, pois camiñar todos nun mesmo sentido é a única solución que pode salvar ao sector da futura desaparición e rendemento.
Reportaxes sobre o relevo xeracional no MAR
- Relevo Xeracional no Mar de Muxía para un armador aos 28 anos: ”A min tiroume dende o principio”
- Relevo Xeracional no Mar de Muxía: “Do mar se vive moi dignamente. Pero imos cara á destrución do sector”.
- Relevo xeracional no mar de Laxe: “Non peleo máis” .
- Relevo xeracional no mar de Muros: “As nefastas políticas pesqueiras e a incerteza laboral acaban con nós” .
- Relevo Xeracional no mar en Malpica: "Por mor das cotas, tes un barco para ir á pescada e acabas apartando dela”.
REPORTAXES DE ANTÍA SACEDÓN
- O Camiño dos Faros: a riqueza natural da Costa da Morte freada pola incapacidade de entendemento
- Os polígonos eólicos: destrución intencionada dos espazos naturais da Costa da Morte
- A indiferenza da poboación ante os espazos naturais da Costa da Morte.
- O futuro está no rural: a escola unitaria e os novos servizos.
- A falta de transporte e o caótico servizo da atención primaria na Costa da Morte.
- O problema demográfico e a situación económica da Costa da Morte.