Bocadillos con arte para saborear Fisterra
”Una hamburguesa vegana en la Costa da Morte!?”, berraba de alegría un rapaz madrileño aficando en Fisterra. E o mesmo farán centos de peregrinos, que tras un par de semanas por Galicia comendo tortilla e ensalada 3 delicias (leituga, tomate e cebola), cando descubran a nova proposta de Bocatas con denominación de orixe Etel&Pan.
Era unha idea que xa levaba tempo valorando Palmira Castro, a artista artesá creadora da marca Mimadrinha, da que tan fans somos. E a decisión final foi instantánea. Xunto a Etelvino, o Etel da nova marca, un ourensán xa máis que afeito ao vento do nordés, decidiron botarse ao mar e abrir esta pequena tenda diferente.
Cunha decoración moi traballada, cuns produtos de primeira calidade, galega, a pequena tenda da Rúa Real pretende servir de espazo culinario distinto ao habitual. Cunha atención exquisita, en varias linguas (que simpática a chegada dun peregrino croata ao que non lle cabía o sorriso tras ler no cartel da entrada que atendían na súa lingua!!!), o produto é o protagonista. Carne de boi, leitugas e tomates case que da casa, un pan fantástico chegado ex profeso da Panadería Germán, produtos veganos… Un luxo para os sentidos dos que aman o bo comer.
Está sendo ademais un bonito evento social en Fisterra a apertura dun novo “garito”, demostrando a idiosincrasia do pobo. Xa pasaron todos os veciños, responsables e camareiros dos establecimentos dos arredores… para presentarse. “Ola, benvidos. Eu son a veciña do número 15. Que teñades boa sorte”, soe ser o comezo dunha agradable charla na que sempre se atopan vínculos entre familiares tirando de aquí ou dacolá.
E de lembranzas. Son moitos os que veñen, e ademais de probar un dos bocatas, ou as froitas do día, queren sentarse nas escaleiras da mítica “Casa da Fina”, a antiga tenda de chucherías fisterrá onde medraron varias xeracións medraron.
Só queda un paso para pechar un círculo xa percorrido, que a peatonalización da Rúa Real sexa unha realidade e convertir así a zona da Praza da Constitución e a Rúa Real na zona de viños de Fisterra. Son moitos os que xa o levan pedindo moito tempo, xa que son varios os establecimentos, como a Galería do amigo Roberto Traba, o Lecer ou a Libraría Agarimo. Hai moito por recuperar ademais.
Un café-galería para o futuro
No seu imaxinario teñen a ilusión de seguir medrando cara arriba, pois a casa de Fina aínda está habitable. A súa ilusión, se todo vai ben, nun futuro poderían armar arriba unha especie de café-galería para expoñer os variados traballos artesás de Mimadriña emais os fotográficos de Etel, un mozo que estivo media vida traballando por países como Croacia, Bosnia, Chequia… e que ten moito que contar coas súas instantáneas.
Máis información
Novas relacionadas
- Por unha Rúa Real peatonal en Fisterra.
- Os peques de Sardiñeiro pintan o seu Arco da Vella.
- A Costa da Morte segue tecendo redes pola igualdade real da Muller.
- Entrevista Mimadriña: “Moita xente pequena, facendo cousas pequenas, en lugares pequenos…”.
- Mimadriña tamén viste a cociña.
- Mimadriña, canta arte haiche na rapazada da Costa de Muxía!.
- Miñadriña! O que aprenden os peques de Muxía.
- 1.000 barquiñas dende Fisterra a Castrelo de Miño polo ensino público.
- A bitácora da semana (CXCIII): Mi madriña.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).