Os cabos de Touriñán e Fisterra despiden o último solpor da Europa Continental cun evento de Atlantic Sunset

O Cabo Touriñán e o Cabo Fisterra acollen este venres 19 de setembro un ecento moi especial. É xusto ese día cando se traslada o último solpor da Europa continental. Se levamos varios meses recibindo o último raio de sol de cada día sobre o cabo Touriñán, a partir do venres será á o portugués Cabo da Roca o que albergue esa visión privilexiada.
Esta viaxe solar é unha das unha das bases do proxecto Atlantic Sunset, financiado polo programa Interreg Atlantic Area e que conta coa participación de investigadores da USC. Un proxecto que tece redes entre os países europeos a través da ciencia e que escolleu a Costa da Morte para a celebración deste evento natural.
Así, Atlantic Sunset conmemorará o Interreg Cooperation Day. A xornada deste venres 19 comezará ás 18:00h en Touriñán coa colocación dunha placa conmemorativa que acredita ese espazo como un dos escenarios nos que, durante unha parte do ano, se produce o derradeiro solpor da Europa continental.
Xa ás 19:30h, a comitiva trasladarase a Praza Stephen Hawking en Cabo Fisterra, onde os profesores da USC Lucrezia López e Rubén Lois abordarán a importancia da Costa da Morte no imaxinario do Camiño de Santiago e o seu vínculo coa posta de sol. A seguir, no miradoiro de Cabo Fisterra realizarase unha presentación do proxecto Atlantic Sunset para, xusto despois, ás 20.20 horas, gozar da contemplación do solpor no marco dunha actividade de observación e celebración comunitaria co acompañamento do catedrático da USC, Jorge Mira, e do profesor da Universidade de Sevilla, José Maria Martin Olalla. O acto contará coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.