Críticas veciñais polo invasivo chiringuito de Mar de Fóra
Complicada é, a cotío, a convivencia entre veciñanza e hostalería. Para iso están as leis, as normas, os horarios… e aínda así moitas veces a boa sintonía é complicada.
É o caso de Carmen, unha veciña de Fisterra que leva sufrindo todo o verán o auxe dun chiringuito pegado á súa casa. Ambas están situadas en Mar de Fóra, nunha privilexiada zona en primeira liña onde se pode gozar dun dos mellores solpores do país.
O chiringuito-restaurante abre de 18:00 a 0:00 horas, cun aforo para 200 persoas, e no que varias mesas da terraza están pegadas ao seu muro.
”É insufrible”, relata Carmen. “Non podo estar na miña casa na miña terraza, hai un ruído continuo terrible, e un olor a graxa terrible porque ademais ten o extractor de fumes orietando á nosa finca”, relata.
Asegura que ten ido ao Concello a pedir unha solución, despois de intentar tratar co propietario, pero que “non hai con quen falar”.
Denuncia ademais que “pola noite é unha feira de contaminación lumínica”, apunta dando conta de que estamos en Rede Natura 2000 e que a comarca está intentando situarse como Destino Starlight.