sábado. 10.05.2025
El tiempo

Denuncian a presencia de barcos do cerco en caladoiros prohibidos pegados á costa fisterrá

Denuncian a presencia de barcos do cerco en caladoiros prohibidos pegados á costa fisterrá
Presencia de barcos do cerco dentro da enseada de Fisterra Presencia de barcos do cerco dentro da enseada de Fisterra

Volveron os barcos do cerco ao mar tras 3 meses de loita e apoio completo da sociedade galega. Pero a súa actividade vén de ser cuestionada pola Confraría de Pescadores de Fisterra e o Concello, que emiten unha nota conxunta sobre a presencia de cerqueiros en zona prohibida, clave para a recuperación dos caladoiros e para a pesca de baixura, sector con moita máis presencia na comarca.

Concello e pósito solicitan así ao Servizo de Inspección Pesqueira da Consellería do Mar un maior control das embarcacións do cerco que traballan pegados á costa de maneira ilegal. Dino despois de comprobar que “na pasada noite do 28 de xaneiro, entre as 20:30 e as 23:00 horas, tres barcos do cerco, con base en Portosín, estiveron a pescar a menos de 0,3 millas náuticas da praia de Corbeiro e do porto de Fisterra, por dentro da área denominada Seo de Corcubión”.

Recordan que “segundo o artigo 68, sobre o réxime de calamento, do DECRETO 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, dita actividade nesta zona deberase facer por fóra da liña de referencia que se sinala no anexo II, que para este lugar queda establecida dende Punta Cabanas a punta do Pindo”. Denunciando pois que “neste caso os feitos transcorreron por dentro de dita liña de referencia e xa pegados totalmente á costa”.

Sinalan que “ditos feitos resultan recorrentes durante moitas noites do ano, incluso con barcos traballando fronte a punta de Sardiñeiro. Algo que está á vista dos veciños e veciñas de Fisterra”.

Por todo isto, solicitan ao Servizo de Inspección Pesqueira que “poña o máximo empeño en vixiar e erradicar este tipo de prácticas ilegais, así coma proceder á apertura de expedientes de sanción a aquelas embarcacións que con recorrencia están a traballar con total impunidade”. E póñense á disposición para colaborar.

Novas relacionadas

Fonte
  • Nota de prensa do Concello de Fisterra e a Confraría.

Comentarios