sábado. 11.10.2025
El tiempo

A Deputación destaca o papel da lonxa de Fisterra

Joaquín Fábregas e Cristina Capelanna lonxa de Fisterra
O patrón maior Joaquín Fábregas acompañou á deputada Cristina Capelán na visita á lonxa de Fisterra
A Deputación destaca o papel da lonxa de Fisterra

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, visitou onte a Confraría de Pescadores “Nuestra Señora de las Arenas” de Fisterra, onde se interesou pola actividade que desenvolve esta entidade, fundamental para a economía e o emprego local. Faino para destacar a colaboración da Deputación da Coruña coa confraría a través dunha achega de 24.000 euros destinada a impulsar o seu programa anual de comercialización pesqueira e apoio ao relevo xeracional, no marco da liña provincial de axudas ás confrarías de pescadores e mariscadores dotada cun orzamento global de 800.000 euros.

Durante a visita, a deputada destacou o papel estratéxico da lonxa de Fisterra, que aposta pola pesca costeira artesanal e pola máxima calidade e frescura de marisco e peixes como base da súa competitividade. "É un modelo de confraría comprometida co territorio, que aposta pola innovación, a profesionalización e o futuro do sector", subliñou Capelán.

Joaquin Fabregas Lonxa capelan fisterar 3

A lonxa realiza poxas diarias de luns a venres, tanto presencialmente como a través da plataforma lonxasgalegas4.0, favorecendo a venda de especies como polbo, centola, ourizo, navalla, pescada ou xarda, entre outras. Conta con máis de 60 embarcacións asociadas e mantén colaboracións activas con confrarías de Corcubión, Lira e O Pindo, dentro da Zona V de marisqueo.

A confraría conta cun dos armadores máis novos de España, un rapaz de 19 anos, exemplo do éxito das políticas de relevo xeracional que promove.

A lonxa de Fisterra é ademais un referente de turismo mariñeiro, ao permitir a visitantes e peregrinos observar as poxas sen interferir no traballo diario, poñendo en valor o produto local e achegando o mar á cidadanía.

Lonxa Capelan Fisterra 1

Comentarios