Feijoo escoitou as demandas das familias de Fisterra contra o precario servizo de pediatría

Concentracion en Fisterra ante visita de Feijoo contra os recortes en Pediatria

Nin mirou para as familias, pero escoitar si que as escoitou. Visitaba Fisterra o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e case un centenar de persoas, de toda a comarca (Dumbría, Muxía, Zas...) pero sobre todo de Fisterra, quixeron “recibilo”. Con cacerolada e pitada, ducias de familias esperábano este mediodía na praciña do Lavadoiro da Mixirica para protestar polo precario servizo de pediatría de Fisterra e de toda a Costa da Morte.

A berro de “incompetente” de “Coa sanidade dos nen@s non se xoga”, as familias deixaron patente a situación de indefensión do rural galego. Cando chegou o presidente foi un momento de explosión de rabia das familias, ao ver que nin sequera se xirou a miralas.

Dase a situación que xa pasou un mes dende que o Centro de Saúde fisterrán quedou sen pediatra, e a previsión era que se reincoporara precisamente este mércores 19 de febreiro, pero están cancelando as citas.

Houbo tempo ata para berrar polo Centro de Día de Corcubión. E agora toda a comarca xa pensa na manifestación deste venres 21 en Cee.

Novas relacionadas cos recortes en pediatría