Xoves. 04.06.2020
El tiempo

A marcha das pediatras de Cee e Camariñas, e a baixa do de Fisterra, complican aínda máis o mapa pediátrico costeiro

  • Ducias de familias que levan semanas sen pediatra, concéntranse esta mañá ao carón do ISM de Fisterra.
Concentración celebrada esta mañá de venres en Fisterra por un servizo de pediatria digno- Foto: Fran Hermida
Concentración celebrada esta mañá de venres en Fisterra por un servizo de pediatria digno- Foto: Fran Hermida
A marcha das pediatras de Cee e Camariñas, e a baixa do de Fisterra, complican aínda máis o mapa pediátrico costeiro

Volven os líos co servizo de pediatría en Cee e Corcubión, e polo tanto de toda a comarca. Xa en 2014, as familias tiveron que saír á rúa pois o Centro de Saúde estivo sen pediatra durante 6 meses. Acabaron conseguindo que se cubrise a baixa da anterior titular pero dende entón a súa petición “Por un segundo pediatra para Cee e Corcubión caeu en saco roto.

E non será por cifras, como explicabamos con detalle o ano pasado, porque segundo os datos da Organización Mundial da Saúde, o cupo ideal para cada pediatra é de 800 pacientes, e a profesional do Centro de Saúde de Cee cubre 1.500 tarxetas sanitarias, contando, sen ter en conta as criaturas de Fisterra (con 500 tarxetas máis) ou Dumbría e Muxía (outras 600), onde son derivados moitas veces ante as baixas dos profesionais dos seus centros… Unha situación que acaba de tratarse tamén no Parlamento Galego.

Pero a situación vaise voltar, de novo, convulsa (como acontece en toda a comarca) unha vez que a profesional do Centro de Saúde de Cee trasládase, en breve, para o Hospital de Verín. A realidade é que non é o mesmo traballar nun Hospital que nun Centro de Saúde, e as cargas de traballo desta zona impiden un tratamento axeitado ás familias. A pasada semana a pediatra do Centro de Saúde de Cee tivo xornadas con 47 ou 52 pacientes, en plena ondada de gripe, asumindo ademais as baixas de Fisterra, e mesmo tendo que ir polas tardes ata Vimianzo ante a baixa da compañeira do centro de saúde soneirán.

A cousa complícase máis coa marcha da pediatra de Camariñas, mentres a de Fisterra segue de baixa.

Deste xeito, o médico de familia-puericultor que cubre Muxía e Dumbría, será trasladado ao Centro de Saúde de Cee, que é o cupo máis grande de toda a comarca. Tocaralle comezar cubrindo o cupo de Cee e Corcubión, pero parece que tamén o de Fisterra (onde a baixa non se dá cuberto), e os seus propios pacientes habituais de Muxía e Dumbría, que veremos como cubren o traslado do seu titular.

Non hai pediatras

A realidade, e diso parece non haber dúbida, é que non hai pediatras en Galicia que se poidan traer. Puidemos constatar que a dirección da área sanitaria está buscando debaixo das pedras profesionais. Seguindo as prioridades, si que conseguiron hai uns meses, cubrir dúas baixas do Hospital VdX, unha vez que dous dos catro profesionais que cubren as urxencias (o prioritario) están de baixa.

Agora, para cubrir os postos dos Centros de Saúde, se ben a prioridade é contratar pediatras, a dirección tamén está buscando médico de familia-puericultor, e despois médicos de familia dispostos a tratar con [email protected]

Unha situación que parece lonxe de solventarse, pois os especialistas aseguran que se ben este ano ampliaranse as prazas de pediatría no MIR, farán falta 4-5 anos para que se comecen a notar os resultados.

Campaña de recollida de sinaturas comarcal

Por todo isto colle máis sentido a protesta comarcal, cunha campaña de sinaturas, que se está artellando dende a Plataforma Zas sen Recortes en pediatría. Ducias de establecimentos de toda a comarca xa as teñen, para que amosemos todos as nosa indignación.

Concentración en Fisterra

Así foi a concentración esta mañá en Fisterra:

 

Novas relacionadas

Novas relacionadas cos recortes en pediatría

comentarios