Fisterra recupera a parodia como identidade do seu Entroido

Os da Charca foron os gañadores do Concurso de Comparsas do entroido fisterrán

Que a retranca é o gran elemento diferencial do Entroido de Fisterra é algo máis que demostrado. Esa fisterranía feita copla, feita rima, está inserida no ADN, e na fala, da vila do Cristo. E por aí quere volver o Concurso de Comparsas máis tradicional da Costa da Morte, porque máis alá dos espectaculares disfraces e escenografías, dignas de grandes musicais, a parodia é o signo de identidade máis característico.

E poucas artistas mellores para demostralo que Mariola da Pescadora, a presentadora e pregoeira, que estivo acompañada ao mando da gala por Santi Caneta, que fixo de Trump algo máis tímido que outras veces.

Mariola da Pescadora e Santi Caneta

”Que a retranca corra máis que o vento polo cabo”, lanzou unha espectacular Mariola (Fisterra ten guía de Entroido para unha década) facendo valer a aposta pola recuperación da parodia, da copla, a verdadeira identidade do entroido da fin do mundo, por riba da maquillaxe ou da escenografía, como se valorou por primeira vez na puntuación do xurado (un pracer volver participar, por 16ª vez, neste marabilloso Entroido, acompañado onte de Ángela de Radio Nordés; Lola Díaz, unha das pioneiras dos tocados no entroido fisterrán, e filla da concelleira de Cultura que en 1989 lanzou o primeiro concurso de comparsas; e o gran Toño Casais, da radiONeria, Radio Galega e Talía Teatro).

Mariola da Pescadora largándolle ao rexedor

Pero é que en que entroido se pode ver á propia presentadora, escollida polo grupo de goberno, largándolle na cara do alcalde e á “corporación dermoestética”, que “antes non queríades o Mercado Cultural e agora ben o aproveitades”; ou ao fillo da Concelleira de Cultura espetándolle as críticas que lle choven polo seu ascenso meteórico no mundo da política. Só no de Fisterra, onde o goberno local rendía homenaxes ás comparsas de anos anteriores cos seus disfraces, mentres que a ex rexedora Áurea Domínguez ía e nadadora, e a edil Tareixa Fdez. da orixinal Biblioteca da Fisterranía.
Caso aparte o do alcalde, que ademais de levar por todas partes, tivo que saír a bailar e a xogar ás cartas, solventando a papeleta con bastante dignidade.

O alcalde Luís Insua bailando con Mocatriz

Mariola deixou patente que o fisterrán é a “envexa da comarca”, e quixo poñer en valor os “traballos colectivos” dos que xa non existen, e que implican directamente a máis dun centro de persoas por comparsa (a de traballo que hai detrás do escenario!), e que provoca que a xente xa ateigase o pavillón dende as 13:30h, cando o concurso arrincaba ás 18:00h.

Como non podía ser doutro xeito, Tito e a moción de censura foron os grandes protagonistas, pero a figura mediática de Eddy non faltou en case ningunha parodia.
E sempre no aire esa sentimento de abandono do pobo fisterrán, de que dá ijual quen goberne, Fisterra sempre para atrás e nunca padiante”.

Os da Charca, a gañadora de novo

Os da Charca 

6º título na súa 10ª aparición para Os da Charca. A comparsa que revolucionou o entroido con ese toque circense e acribático, demostrou un pouso especial, cunhas coreografías, e acrobacias, dignas dun musical, pero tamén unhas chácharas de bar dingas dos mellores gags de Gila.
Eddy e a moción de censura (“o trato de Tito durou menos que unha sombrilla na praia do Rostro”) levaron boa parte das rimas, pero o principal foi a crítica á clase política, sen miramentos: “xogar unha partida de Naipes non é solución para Fisterra”, declararon con rotundidade en contra dos seus “Jobernantes”. Ata o Papa, outro dos nomeados trala invitación de Insua a achegarse a Fisterra, entonou unha copla marabillosa coa bufanda da SD.

O Papa dos da Charca
Os da Charca recollendo o primeiro premio

A Brincadeira

Unha india da Brincadeira

A comparsa máis familiar demostrou que vai collendo potencia tanto na posta en escena como nas coplas. A pesar de ter podido levar mellores traxes, o seu poboado indio invadiu a vila do Cristo, e as súas rimas metéronse tanco cos bíceps de Eddy, como coa falta de pediatra no centro de saúde. Hai relevo no entroido fisterrán, como se demostrou con este segundo posto.

Rosalía foi a Raíña do Entroido

Gran aparición da vimiancesa Mocatriz

Ata a propia Mariola recoñeceu que lle sorprendera, non só os espectaculares disfraces, senón a boa retranca que trouxeron as bravas (unha comparsa femininia ao 99%) da vimiancesa Asoc. Mocatriz. Viñan ademais de quedar algo descontentos polo seu segundo posto no entroido vimiancés e souberon adaptar ás bromas á realidade fisterrá para alonxar ese mito que “os de fóra nunca gañan nada”.

Co seu Latexo Galego ademais púxolle o toque “tradi” a un entroido fisterran que sempre tende a cancións internacionais. Escoitar ás Tanxugueiras ou ese #SonGalego no pavillón sempre é de agradecer, como esas coplas sobre a condición de árbitro do novo rexedor (“hai uns meses berrábante árbitro cabrón e agora alcalde solución”), ou sobre a súa propia alcaldesa, que lle puxo “bombillas ao frío”, en relación ao luminoso nadal vimiancés.

Mocatriz recollendo o terceiro premio

O estreo da Sumbadeira

Prometedor estreo da Sumbadeira, que non quedou moi contento co resultado do xurado, pero que esperemos nos dean moitas risas nos vindeiros anos. O seu fío, unha reunión no Olimpo dos deuses, neste caso, simulando as reunións previas á moción de censura entre Insua, Susana, Traba, Tito e Áurea. Unhas parodias que puxeron ben nas cordas á corporación, botando unha partida de cartas co propio alcalde, e criticando asuntos como a falta de mantemento das estradas, as fochancas, badenes e demais “jolpes de mar”.

Fantástica a aparición de Edgar, o fillo da concelleira de Cultura que co seu baile encandilou aos presentes e coa súa lingua amonestou á súa propia nai. E fantástico o temazo de Áurea e o “Tito non me jodes máis”.

Edgar meténdose coa súa nai, a concelleira de Cultura

CRÓNICAS DO ENTROIDO FISTERRÁN