Vimianzo acolleu a súa gran festa do Entroido e xa pensa na de Baíñas
Valoración moi positiva a que se fai dende Vimianzo tralo desenvolvemento da festa do Entroido 2026, que volveu converter o pasado sábado a vila nun espazo de encontro, creatividade e tradición. O Concurso de Disfraces, un dos actos centrais da programación, contou cunha ampla participación en todas as categorías e repartiu máis de 3.000 euros en premios, recoñecendo o talento, o esforzo e a implicación das persoas participantes.
Cun ambiente excepcional no pavillón, e conducido polos presentadores Marta Alonso e Pablo Reboleiro, (con Javi Sampedro á axuda no son) a xornada foi todo unha festa.

Máis de 3.000 € en premios
Os peques disfrazados de Colón, da Princesa dos contos e o Cabaliño foron os gañadores do concurso infanti. Os Chapalatas, Nin rato nin rata e as Medusas os de Parellas, mentres que A Luz do Camiño (Pote Disfraz da Ponte do Porto), Carantoña nas Nubes e os Cabaliños do Monte Faro levaron os premios grupais.
Houbo tamén un premio especial para as familias vimiancesas que caeu nos Exploradores Interxeracionais vimianceses.
Os máis esperados premios, os das Comparsas, repartíronse pola comarca. O primeiro premio foi para a comparsa Molin Rouge 1889, de Muros, por diante de Latexo Galego, da local Asoc. Mocatriz; e da Fábrica da Lus, da tamén vimiancesa A.C. Trubisquiña.
O xurado do concurso estivo formado polos medios de comunicación, aos que o Concello agradece a súa labor e valoración: Mar Barreiro (Voz de Galicia), Ángela Rodríguez (Radio Nordés) e José Manuel Ramos (Correo Gallego).
Entroido en Baíñas
Como sempre, o peche ao entorido porase en Baíñas. O sábado 21 de febreiro no Pavillón de Baiñas, acolle unha noite de desfile, disfraces, festa e moito ambiente para gozar do Entroido en comunidade.
