O Entroido fisterrán volveu tirar de retranca

Volveu quedar pequeno o pavillón fisterrán para acoller este pasado sábado o Concurso de Comparsas máis tradicional e auténtico da Costa da Morte. O Entroido de Fisterra volveu ser o gran referente da retranca e a copla, con 4 numerosas comparsas que fixeron o deleite do público fisterrán e o inferno da política e a administración, como sempre.

Roberto e Adriana Traba volveron ser os presentadores de tan esperada cita, dos que mellor representan o talento entrodeiro fisterrán, e xa hai quen pide para eles un contrato vitalicio.
Botouse de menos a presenza, na sempre disfrazada corporación municipal, os membros do PSOE, pero o resto estiveron presentes aguantando as bromas das comparsas, e mesmo a edil do BNG levou un traxe con crítica ao diploma que o novo goberno de Alternativa entrega a cada novo bebé.
Foron 4 as comparsas, todas da vila do Cristo, as que competiron neste esixente certame, deixando patente unha das grandes carencias da cita: a falta de comparsas doutras vilas. Pero é que a verdade, o nivel retranqueiro das fisterrás é certamente abrumador, como o demostraron coas longas postas en escena, que mesturan fases de teatro cómico con fases de baile cunha escenografía tremendamente traballada.

O xurado escolleu finalmente como comparsa gañadora, a “Os da Charca”, repetindo o título do nao pasado. Por detrás quedaron “Tortugas y Peces”, “Os Trotamúsicos” e a familiar “Brincadeira”.
O rei do Entroido foi Gabriel Fábregas (da Brincadeira) e a raíña, a sempre divertidísima Loreto Lago Traba (dos Trotamúsicos).



Concurso de Disfraces

Máis participación que outros anos, nos concursos de disfraces, sobre todo na categoróa de adultos.
Os primeiros premios foron para Germán Lema, que viña de Rafaela Carrá; o de Parellas, foi para Cristina e Ali, “As Chusmas de Fisterra”, e o de grupo para as “Azafatas de Corcubión”.
𝑪𝒐𝒏𝒄𝒖𝒓𝒔𝒐 𝑬𝒏𝒕𝒓𝒐𝒊𝒅𝒐 𝒅𝒆 𝑪𝒐𝒏𝒕𝒐𝒔 𝒅𝒂 𝑩𝒊𝒃𝒍𝒊𝒐𝒕𝒆𝒄𝒂
Unha das grandes e exitosas novidades deste ano foi o Concurso Infantil Entroido de Contos, artellado pola Concellería de Cultura e o voluntariado da Biblioteca Municipal de Fisterra Casa do Arco. Os voluntarios e voluntarias da Biblioteca Municipal -Carmen Oroña, Dario Gómez e Raúl Gómez- artellaron un certame no que participaron moitísima rapazada da vila.
Os gañadores e gañadoras do concurso foron agasallados cun lote de libros, entre eles o libro “Sibila e a Monstruosa Festa do Samaín”, da escritora e actriz fisterrá Marta Lado, que formou parte do xurado desta primeira edición do concurso. Os demais participantes tamén recibiron un agasallo por parte do Concello nun escenario deseñado por Mighel Fernández Canosa.
CRÓNICAS DO ENTROIDO FISTERRÁN
- Entroido Fisterra 2023: Fisterra recuperou a súa retranca.
- Entroido Fisterra 2022: Voltou o Entroido a Fisterra. Voltou a Festa.
- Entroido Fisterra 2020: Eló non vale un mundo o Entroido de Fisterra?!.
- Entroido Fisterra 2019: O Entroido de Fisterra, entre a tradición, a innovación e a retranca.
- Entroido Fisterra 2018: O Entroido de Fisterra, máis sagrado que a Resurrección.
- Entroido Fisterra 2017: As comparsas agudizan a crítica en Fisterra.
- Entroido Fisterra 2016: O gran Entroido “peatonal” de Fisterra.
- Entroido Fisterra 2015: A retranca, polas veas de Fisterra.
- Entroido Fisterra 2014: A copla ten canteira no Entroido de Fisterra.
- Entroido Fisterra 2013: A copla sobrevive no Entroido de Fisterra.
- Entroido Fisterra 2012: Un impresionante entroido ácedo e indignado en Fisterra.
- Entroido Fisterra 2011: “Un Entroido que vale un Imperio”.