Sábado. 21.09.2019
El tiempo

O Faro Fisterra ilumínase para dar as gracias aos Voluntarios

O Faro Fisterra ilumínase para dar as gracias aos Voluntarios

Galicia-en-Color-O-Faro-Fisterra-iluminado-para-os-Voluntarios

Fermosa e emotiva a posta de longo do proxecto Galicia en Color – Rede de reencontros 10 anos despois. Un proxecto que nace da Asociación de Promotores do Sector Turístico da Costa da Morte APTCM para agradecer a todos os voluntarios que devolveron a cor á nosa zona.
E o pasado martes 17 de abril, tivo lugar nas augas de Fisterra, a bordo do María Elena de Cruceros Fisterra. Máis dunha ducia de voluntarios chegados de todas partes da península compartiron experiencias cos medios de comunicación, nunha xornada que tivo como colofón unha estampa que quedará para a historia: O Faro Fisterra iluminado de mil cores para dicir unha cousa alta e clara: GRACIAS.

Rolda de presentacións a bordo

Non puido saír mellor a sesión. A expedición, na que tamén participaron os alcaldes de Muxía, Fisterra, Carnota, Camariñas, Laracha ou Zas, con representantes dos Concellos de Corcubión e Ponteceso, entre outros, partíu do porto fisterrán contra as 18:00h.
Foi Susana Alvite a que presentou a campaña aos tripulantes, fixo os agradecementos pertinentes e deu paso ao audiovisual de imaxes e entrevistas realizado polo de agora polos equipos das empresas da zona Hexis Comunicación e Galinus.

Deu pasoa Manuel Pan, presidente da APTCM, que descubíu as 3 liñas de traballo para poder chegar aos voluntarios, que é o sentir da campaña. A internet, a campaña Save the beach e os actos de Galicia en Color. Ademais Pan pediu a todos os alcaldes que traten de vencellar todos os actos deste ano coa campaña, e recordou que xa traballan nun gran acto final.

Houbo tempo para que os patrocinadores falasen, e aí estiveron os representantes de Coronita Save the beach, de Coca Cola ou de Gadisa presentes para amosar o seu compromiso medioambiental e social para con este proxecto.

Un agradecemento de cores

E antes de apagar o micro e disfrutar dos pinchos que ofreceu O Centolo, foi a brava extremeña-fisterrá Sole Méndez a que falou en voz dos voluntarios. Sole, que quedou na vila do Cristo dende os días do Prestige, leu un texto baseado nun debuxo da súa filla, xa fisterrá e que se chama Alejría. Chea de emoción, Sole repasou as cores que hoxendía podemos xa disfrutar na Costa da Morte gracias á axuda de todos os voluntarios coma ela. Traeremos o seu discurso a QPC.

A voz dos Voluntarios

E chegou a parte interesante: escoitar aos voluntarios. Se ben imos ir traendo historias persoais unha a unha, hoxe facemos un repaso dos que onte surcaron as augas de Fisterra.

E comezamos destacando a presencia de Pepita do Galiñeiro, a primeira voluntaria que aos seus 66 anos baixou nada máis entrar o chapapote embaixo da súa casa, no Coído de Muxía, no corazón da zona 0. Contaremos tamén a súa historia máis pormenorizadamente pero non podemos marchar sen facer mención.

Tamén estivo Ismael Blanco, voluntario galego, traballou nas tarefas de limpeza na praia de Carnota e que agora fai traballos de igualdalde pola zona.
Roberto González, un vigués que estivo máis de 6 meses polas praias de Carnota.
Jorge e Carlos, dous voluntarios de León e Vigo (Jorge cambiou turnos na súa fábrica en León exclusivamente para poder vir ao evento) que traballaron man a man co corcubionés Luís Rodríguez, da Asoar-Armega.
mesmo Suso Lista voluntario e percebeiro na zona de Corme, que viu como representante dun colectivo excepcional na Costa da Morte, onde a maioría dos percebeiros colaboraron coas tarefas de limpeza sen cobrar, sendo solidarios os uns cos outros.

Tamén subiu a bordo Sven Schwesch, voluntario alemán da rede de voluntariado libre europeo, que tras participar durante un ano nas tarefas de limpeza de Carnota, quedouse a vivir en Galicia e volveu ano tras ano á zona afectada para tomar constancia gráfica do estado dos areais.
Isacc veu de Tarragona e este ano quédase como voluntario no albergue de peregrinos de Corcubión.
Lucía Vázquez, coruñesa que estivo durante meses indo, vindo e quedando para limpar as praias de Fisterra dentro da familia do albergue fisterrán que tanto coidou Begoña.
Tamén estivo Luís Figueroa, artesán ferrolán que leva moitos anos vencellado á Costa da Morte dende a súa participación tremendamente activa nas praias de Fisterra.
Ou Inma voluntaria de Barcelona, que taballou durante meses nas tarefas de limpeza de Carnota e que quedou a vivir en Muros.

Un faro cheo de luz e de cor

Sen máis deixámosvos con varias imaxes do Faro Fisterra iluminado con luces de cores. O humilde regalo que a Costa da Morte quere brindar a todos os que fixeron posible que o blanco e negro de hai 10 anos sexa agora un mar de cores.

Carlos disfrutou da iluminación do Faro Fisterra para dar as gracias aos voluntarios do Prestige na campaña Galicia en Color

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios