Venres. 19.04.2024
El tiempo

Viki Rivadulla define coa súa arte en Fisterra aos habitantes das Terras de Nemancos

Viki Rivadulla define coa súa arte en Fisterra aos habitantes das Terras de Nemancos
Expo Nemancos de Viki Rivadulla en FIsterra

”Ninguén manda en nós máis que o vento…”

Podería ser unha perfecta definición da nosa idiosincrasia costeira. Pero tamén o lema da exposición “Nemancos”, mostra de pintura e escultura de Viki Rivadulla que arrinca a súa andaina no Faro de Fisterra. Un marco incomparable para esta mostra que precisamente “fala de nós, dos habitantes de Nemancos, dos que nos precederon e dos que hoxe habitamos neste límite entre a terra e o mar”, como ela mesmo conta.

A mostra estará aberta no Faro Fisterra do 30 de xuño ata o 15 de xullo, aínda que o acto de inauguración farase o sábado 4 de xullo, a ritmo de verso poético. Esta vez estarán ao seu carón poetas salgados como Teresa Ramiro, Alexandre Nerium, Juan Alberto Moure, Xosé Iglesias e Paco Souto.

A obra

A temática da mostra está baseada na cultura do mar. Habitan os lenzos unhas personaxes que viven na costa e que se funden con ela; a paisaxe impónse e proporciona o medio de vida a quen vive nela, pero tamén os seus habitantes dan sentido ao territorio. A mostra é unha reivindicación da cultura mariñeira que está na base da nosa identidade, pero que está esmorecendo por políticas que non respeitan e mesmo desmantelan todo o que sustenta esta forma de vida. As mulleres teñen unha presenza importantísima na mostra. As mulleres como motor da sociedade, como forza creadora. Mulleres que construiron un país trazando os camiños cos seus propios pés, levando a cesta na cabeza, para transportar os alimentos que habían de manter viva á comunidade. Canto ao título, Nemancos é o nome antigo da comarca de Fisterra, na Costa da Morte. E a mostra conta sobre este lugar.

Pero este Nemancos ben podería ser calquera lugar de Galiza, mesmo é unha metáfora do noso país, rico, vizoso, vivo… un país que loita por manter a súa identidade. O subtítulo da mostra “Ninguén manda en nós máis que o vento” é un verso do poeta mariñeiro Xosé Iglesias, tomado do seu libro Transfusión oceánica. Verso co que a autora da mostra quere facer explícito ese desexo de liberdade dun pobo que vive en perfecta armonía coa natureza e solo ela lle debe marcar os seus tempos. Un pobo que quere seguir sendo o que é , un pobo mariñeiro. Na costa ata a lingua ten que ver co mar. Falamos e pensamos en termos mariñeiros .Cunha fala que mantiveron para nós os nosos avós. Na mostra , nos lenzos e nas esculturas, son os homes e mulleres desta terra de Nemancos- desta Galiza- os que falan contando a súa historia, os que din que somos unha tribo que vive do mar e xunto ao mar, e que queremos seguir sendo este pobo mariñeiro que dende séculos habita as nosas costas, e manter unha cultura que os nosos antergos trouxeron ata nós. A mostra é case unha narración mítica de como é e como vive un pobo de mulleres e homes- peixe, xunto ao mar.

A mostra está composta por acrílicos, arredor de 25 , cunhas dimensións de entre 80 a 100 cms de ancho e unha altura de entre 100 a 120 cms. A mostra pode ampliarse – ata dobrar o número de obras- con obras das mostras anteriores, facendo unha antolóxica, pois a temática mariña está presente en todas elas e encaixan unhas con outras. Tamén pode completarse con esculturas en arxila e madeira. Poderían poñerse ata 10-12 esculturas.

Novas relacionadas

Outros artigos de Viki Rivadulla

Fonte

Comentarios