Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Xornada común do Camiño Fisterra-Muxía para reivindicar a delimitación oficial da ruta xacobea

Asociacion Camino en Fisterra
Xornada común do Camiño Fisterra-Muxía para reivindicar a delimitación oficial da ruta xacobea

O pasado venres, e para pechar o ano, a Asociación de Concellos do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía organizaba una intensa xornada de promoción en Fisterra, coa presenza dos alcaldes de Fisterra, Cee, e Corcubión –José Marcote, Margarita Lamela e Manuel Ínsua–, ademais do concelleiro de Turismo de Ames, Manuel Lens, e do técnico de desenvolvemento local Tomé Freire, en representación do Concello de Dumbría, cuxo rexedor non puido asistir.

Ademais das autoridades, participaron técnicos, expertos e empresarios de hostalaría na sesión no propio faro fisterrán, na que se fixo balance do traballo realizado nos últimos meses, logo da constitución da entidade intermunicipal.

Enquisa

Presentouse unha enquisa acometida este decembro a 143 peregrinos, da que se tiran os seguintes datos: A metade eran peregrinos de longo percorrido, están 2,6 días en Fisterra e 1,57 en Muxía, realizan un gasto medio de 37 € día e o 20% non quere credencial. 
Segundo a mesma sondaxe, os lugares máis bonitos son, por esta orde, Fisterra, Olveiroa, Ponte Maceira, o faro fisterrán e Muxía.

A asociación de concellos polos que discorre a ruta valora de forma positiva “estes datos tan recentes, a pé do Camiño” e destaca que está “moi lonxe da saturación”. A prospección demoscópica terá continuidade nos meses do verán.

Una das cousas nas que máis fixeron fincaré foi na reivindicación e que marcaron como misión prioritaria lograr a delimitación oficial do trazado por parte da Xunta de Galicia: “Xa fixemos xestións, pero agora debemos dar o empurrón definitivo. Ademais, o itinerario nos concellos de Fisterra e Santiago xa está feito”. 

Os rexedores deixaron clara a importancia de manter limpo e seguro o Camiño, de mantêlo tranquilo e natural.
Concretamente o alcalde de Fisterra solicitou a conversión do faro nun centro de interpretación desta ruta xacobea. “Xa iniciamos o procedemento administrativo na Autoridade Portuaria da Coruña. O proxecto cifra en 800.000 euros o orzamento necesario para acometelo”, concluíu Marcote.

Exposición

A exposición Até o Fin, logo de pasar por Bertamiráns (Ames), foi inaugurada no Mercado Municipal de Fisterra, antes da sesión no faro. A primeira quincena de xaneiro estará en Corcubión, no salón de plenos do Concello; e Cee e Negreira son as seguintes localidades onde se prevé que viaxe. Faise coa colaboración da Deputación da Coruña.

Todos coinciden en que os atractivos do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía son incuestionables e o aumento de peregrinos que o transitan ano tras ano ven medrando sen parar nos últimos tempos. 

Comentarios