Venres. 10.05.2024
El tiempo

1ª Galicia: Por fin de volta!

Juanjo - Ponteceso
Juanjo - Ponteceso
1ª Galicia: Por fin de volta!

Comezaba o sábado esta apetecible primeira fase da 1ª Galicia, na que tivemos a honra de facer a retransmisión en directo do derbi entre Corme e Soneira. Que non foi o único, xa que Volantes e Dumbría abriron a xornada nun encontro do que saen moi reforzados os de Pablo Conde. O outro gañador da xornada é o Baio, que estivo cómodo ante o Belvís. Mazaricos e Ponteceso caeron derrotados ante rivais con máis experiencia.

Dumbría – Volantes

Volantes de Baño: Álex de Yi; Godo, Santi, David Pais (Mateo, 75’), Oscarín; Miguel da Corocha (Elvis, 71’), Pardelo; Toni, Pesco, Kike Paluca (Riki, 82’); Álex (Pablo, 60’).

Dumbría: Anxo; Codesal, Pablo Paz, Kanario, Mataso (Álex Sendón, 80’); Brais Fernández (Rivi, 65’) e Baba (Gusa, 78’); Darío, Xabi, Mario; Marcote (Xacobe, 46’).

Goles: 1-0, 14’: Toni / 1-1, 21’: Pablo Paz / 1-2, 31’: Jose Marcote / 1-3, 47’: Darío / 2-3, 52’: David Pais / 2-4, 61’: Darío /2-5, 81’: Álex Sendón.

O Dumbría ante o Volantes

Estreábase a 1ª Galicia no Eleuterio Balayo e o fixo cun auténtico espectáculo de goles e xogo, onde o Dumbría amosou que vai ser un dos equipos que estea arriba grazas a súa pegada. E iso que foi o Volantes o que iniciou mellor, buscando ás costas dos laterais dumbrieses e conseguindo o primeiro tanto da liga a través de Toni. Espertou entón o cadro de Pablo Conde, que empataba a saída dun córner con gol de Pablo Paz e facía o segundo tras unha gran xogada persoal de Marcote (Pese a que o colexiado apuntase a Brais Fernández como goleador) para irse aos vestiarios con vantaxe.

A saída da segunda metade, un golazo de Darío e a expulsión por dobre cartón de Pardelo (50’) parecía sentenciar o choque, pero David Pais volvía dar esperanza co 2-3. Non obstante, tras uns minutos de esperanza e vontade, o Dumbría volveu a dominar e non tardou en volver a marcar a través de Darío. A falta de dez minutos, Álex Sendón, outro produto da canteira, pechou a goleada tan só un minuto despois da súa entrada no campo.

Baio – Belvís

Baio: Víctor Suárez; Ceide (Rubio, 77’), Norbi, Mario Martínez (Guzmán, 90’), Álex Varela; Bieito, Braian, Porti (Hugo Blanco, 80’); MC (Manu Santiso, 69’), Paco e Peke.

Belvís: Mateo Barreiro, Pomar (Aldrey, 76’), Petete, Diego Prol (Iván, 16’), Rubinho, Brais (Jesús, 80’), Cristian, Álex Baña, Louzao (David Varela, 73’), Jose e Ricardo Castiñeiras.

Goles: 1-0, 36’: Braian / 2-0, 90’: Álex Baña, en propia meta.

Por fin o Platas Reinoso volvía a encherse de xente para vivir un encontro de primeira autonómica, onde os locais recibían a un Belvís que se presentaba como un dos tapados da categoría. Volvía tamén MC a súa casa tras o seu paso polo Arteixo, e pese a non estar ao 100% amosou ser un dos mellores xogadores da liga nun primeiro tempo no que o Baio tivo o balón, pero non demasiadas ocasións. O gol chegou nun córner sacado en curto, no que MC fai unha das súas xogadas e centra para que Braian marque de cabeza no primeiro pau pouco antes de ir cara vestiarios.

A segunda metade foi parecida á primeira, cun Baio dominador e un Belvís que, se ben non deixaba que lle fixesen ocasións, non facía moito por incomodar aos locais. Pese a iso, o nerviosismo pola posibilidade do empate comezou a estar presente ata que, no 90’, un centro raso de Manu Santiso nun contragolpe acabou na rede tras un mal despexe dun defensa visitante.

Corme – Soneira

Corme: Suso; Jesús(Ángel, 76’) , Aitor, Pandi, Brais Andrade (Noel, 90’); Eloy, Javi Bermúdez; Doldán, Lucas, Brais Torrado (Samuel, 78’); Dieguito (Borja Torrado, 81’).

Soneira: Javi Souto; Pichi, Alemán, Brais Mouzo, Leilán; De la Sierra (Dani Bea, 60’ – Brais Pereira, 65’), Álex Figueiras; Maki, Diego Lois, Javi Souto (Ángel, 89’); Basti.

Goles: 0-1, 21’: Diego Lois, de penalti / 1-1, 29’: Lucas.

Non puido escoller mellor partido para comezar as súas retransmisións QPC Tv, xa que Corme e Soneira brindaron un divertido espectáculo sobre o fermoso e renovado terreo do Cairo. Ambos chegaban con baixas significativas, como as de Toni, Sueiro e Alejo nos locais ou as de Casal, Agra e Mayor nos visitantes, pero saíron a buscar os tres puntos dende o comezo.

A iniciativa levouna o Soneira, que buscaba balóns en longo ás costas da defensa para que Maki, Javi, Leilán ou Pichi se quedasen en situacións de perigo. Precisamente foi o capitán, Pichi, o que nunha internada no área forzou un penalti que transformaría no 0-1 Diego Lois, pese a que Suso case chega.

O gol mellorou ao Corme, que deixou de buscar á contra e dominou máis o balón, conseguindo un córner no que Lucas, tras sacar en corto, recibiu na punta do área e tras tres recortes a mandou á rede pegadiña ao segundo pau. Golazo do capitán que amosa que a calidade non hai pandemia que lla quite. A partir de entón, houbo ocasións para ambos, Javi Souto lle impediu o gol a Doldán e Dieguito a mandou ó traveseiro tras un bo pase de Lucas mentres que Javi e Basti tiveron as máis claras para os visitantes. A peor nova, a cantidade de lesións que se viron no final do encontro, onde ata cinco xogadores tiveron que pedir cambio por culpa das molestias.

Equipo de QPCTV no Cairo

Tordoia – Mazaricos

Tordoia: Brais Álvarez;  César Gontán, Estévez (Dubra, 63’), Chino e Seoane; Abel Torres, Liñares, Denís, Martín Torres (Jorge, 79’), Andrade (Pombo, 77’); Rubén Fariña.

Mazaricos: Iván Baña; Oscarín (Róber, 89’), Borja, Fran Pose, Rachón (Brais, 79’); Jose Carreira (Kevin Trillo, 68’), Chumiko, Sandelo; Marquiños, Marito e Adrián Molinos (Raúl Castelo, 79).

Goles: 1-0, 66’: Denís.

Mazaricos

Duro choque o que lle esperaba a este novo Mazaricos de Diego Gálvez en Tordoia, pois se trata dun dos equipos máis compactos e consolidados da categoría. Aínda así, os amarelos comezaron mellor e dominaron o encontro durante todo o primeiro tempo. Rachón, Molinos e Chumiko tiveron nos seus pés algunhas das ocasións máis claras do encontro, pero non atoparon á rede, mentres que os locais só se aproximaron á portería de Baña cunha falta lateral.

Tras o paso por vestiarios, o partido mudou por completo e o Tordoia, coa responsabilidade de ser o local e o equipo máis feito, fíxose cos mandos. Foron varias as ocasións que tiveron, incluído un disparo ao poste e un auto despexe ao traveseiro, pero finalmente marcou Denis cun preciso golpeo ó ángulo dende a frontal do área tras unha serie de rexeites nun córner. A partir de aí, o Mazaricos buscou chegar á portería contraria sen éxito ante un cómodo Tordoia.

Ponteceso - Negreira

Ponteceso: Brais Vázquez; Isaac Rojo, Eloy Trigo, Moscoso, Luca; Juanjo (Alberto Recarey, 51’), Mendieta, Nando (Raúl); Mara, Martín Puente e Eloy (Petis, 61’)

Negreira: Juan Berdullas; Juanjo, Paco, Bendaña (Uxío, 44’), Marcos García; Canabal, Gonzalo; Piki, José Caamaño, Juan; Berto Rial.

Goles: 0-1, 8’: Berto Rial / 0-2, 9’: Berto Rial / 0-3, 37’: Gonzalo / 0-4, 55’: Gonzalo / 0-5, 58’: Berto Rial.

Ponteceso

Volvía o Ponteceso á disputar a 1ª Galicia nun encontro no que o marcador non reflexou o sucedido sobre o terreo de xogo. De feito, foron os locais os que comezaron mandando e tendo as primeiras ocasións, clarísimas, nas botas de Eloy Álvarez e Mara. Pero, saíndo vivo dese bo inicio dos de Pablo Mallón, un equipazo como o Negreira non perdoou. O ex do Volantes, Berto Rial, marcou en dous minutos seguidos e o Ponteceso viuse obrigado a remar a contracorrente toda a primeira metade. Incluso recibiron o mazazo do 0-3 pouco antes de ir aos vestiarios.

Na segunda metade, a entrada de Recarey mellorou ao cadro de Mallón, que volveu a dispoñer de algunha ocasión para acortar distancias. Non obstante, nun guión calcado ó do primeiro tempo, os visitantes fixeron dous goles en tres minutos e remataron por sentenciar un choque no que o Ponteceso non mereceu tal goleada.

Comentarios